En Marea pide ao PP e ao goberno da Xunta que declare a favor de defender o autogoberno, os dereitos sociais e fundamentais das galegas

Luís Villares pediu que o PP se manifeste en contra dos pactos con partidos que negan a violencia machista e están en contra das autonomías
Publicado por o día 12/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide ao PP e ao goberno da Xunta que declare a favor de defender o autogoberno, os dereitos sociais e fundamentais das galegas

O voceiro de En Marea reclamou ao PP que define cal é a súa actitude política tralos últimos acontecementos políticos e a dobre moral do partido de Feijóo que di non pronunciarse sobre as cousas que non afectan a Galicia, pero respalda unha manifestación compartindo espazo con partidos fascistas e que levan no seu programa político a eliminación das comunidade autónomas. Luís Villares preguntou no Parlamento de Galicia por que o presidente da Xunta perde todas as oportunidades que lle ofrecen de defender o autogoberno en Galicia, de defender os dereitos sociais das galegas e galegos, desde a negativa a reformar o Estatuto de Galicia ata o decenio negro que supón cero transferencias nos últimos dez anos.

Na intervención de Luís Villares no Parlamento de Galicia, o voceiro de En Marea sinalou o paradoxo que tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, rexeitaran defender os dereitos das galegas e ao autogoberno, e evitaran posicionarse a favor das cousas que en apariciencia defende o seu partido.

O voceiro de En Marea apuntou que resulta “sorprendente que calquera membro dun goberno democrático desperdicie a ocasión para defender o dereito á igualdade entre mulleres e homes e a defensa as políticas de igualdade de xénero que o seu propio goberno e a súa propia consellería executan”.

Para Villares é necesario que o PP aclare se comparte o discurso xenéfobo e negacionista do machisto que os seus socios en Andalucía manteñen como liñas políticas fundamentais. “É indecente que o vicepresidente da Xunta desperdicie a ocasión para defender o autogoberno de Galicia e a necesidade da autonomía fronte aos seus socios de goberno, que queren suprimila, é indencente que perda a oportunidade de defender os dereitos fundamentais de toda a cidadanía”.

O voceiro de En Marea apuntou que a estratexia de Feijóo é a de ocultar a súa verdadeira natureza e adoptar un disfraz que agora xa non lle deixan poñer desde o PP de Madrid. Explica Villares: “Feijoo quere ocultar os pactos do PP coa extrema dereita, porque iso erosiona a súa fachada de centrista e moderado, e deixa ao descuberto a verdadeira faciana dunha década de goberno: antiautonomismo e extremismo político. Negación da autonomía e coqueteo cos negacionistas do machismo”.

Para manter o disfraz, o goberno galego inventou unha mentira que tardou quince días en ser descoberta: “o goberno non se pronuncia sobre temas que non lle afecten á Xunta de Galicia… como se a supresión da autonomía non afectase á Xunta”, segundo apuntou Villares que, ademais, concluíu: “o propio Vicepresidente da Xunta emitiu unha declaración institucional o xoves pasado en que se pronunciaba rexeitando unha proposta dun partido catalán en relación a unhas conversas que están mantendo en Catalunya os partidos con representación parlamentaria. É dicir, unha proposta privada de facilitación do diálogo entre partidos en Catalunya si merece un pronunciamento da Xunta, e os pactos do Partido Popular, que goberna a Xunta,  con outro partido que NEGA o noso autogoberno e DESPROTEXE ás vítimas de violencia machista fronte os seus agresores… iso non. Iso non merece un pronunciamento da Xunta”.

Villares tamén reclamou a atención sobre o autogoberno de Galicia. Neste sentido, a petición de En Marea é que a cámara aprobe unha declaración na que se defenda o autogoberno de Galicia, “rexeitando os pactos con forzas políticas que piden a supresión da nosa Autonomía”.