En Marea pide establecer unha mesa de diálogo con sindicatos e persoal interino docente para abrir a negociación dun plan de estabilidade para consolidar ao colectivo interino

A deputada Luca Chao salientou a necesidade de que o Goberno central realice as modificacións normativas oportunas para dispoñer dun mecanismo específico de acceso á función docente que evite o despedimento de miles de docentes interinos das aulas galegas
Por o 08/06/2018 | Sección: En Marea,Política
En Marea pide establecer unha mesa de diálogo con sindicatos e persoal interino docente para abrir a negociación dun plan de estabilidade para consolidar ao colectivo interino
Compartir en:

A deputada de En Marea, Luca Chao, lamentou que malia as sentenzas en contra do Tribunal de Xustiza da Unión Europea a interinidade na función pública segue a ser un problema importante neste país. Unha interinidade que, coa escusa da crise económica, non fixo máis que aumentar superando o 13 por cento no relativo ao persoal interino docente. E unha situación que non ten visos de mellorar malia que as devanditas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea obrigan aos Estados membros da UE para reducir e manter a taxa de interinidade da función pública por baixo do 8 por cento e a non encadear máis de 3 anos de contratos temporais como salientou a deputada de En Marea. Estas sentenzas sinalaron o abuso da temporalidade na Administración, e o trato discriminatorio entre eventuais e fixos, e interpelan tanto o goberno central como as Comunidades Autónomas, a revisar a súa lexislación laboral e política de contratacións.

“O aumento da temporalidade e a interinidade entre o persoal docente fai que xa teñamos miles de docentes ocupando prazas estruturais e non eventuais, as cales son as que serían o obxectivo da interinidade” asegurou Chao. O aumento da temporalidade non só supón un prexuízo claro na calidade de vida e os dereitos do propio persoal docente senón que elimina a estabilidade dos equipos docentes en centos de centros educativos estase minguando a calidade do ensino público.

Para En Marea “é urxente acabar coa fraude que supoñen estas altísimas taxas de interinidade que se engaden ademais, por efecto dos recortes, á perda de postos de traballo, provocando aulas saturadas e unha perda da calidade do noso sistema educativo”.

Lamentablemente a anunciada oferta de emprego público, lonxe de mellorar esta situación, ameaza directamente aos postos laborais de miles de docentes que levan anos sostendo co seu traballo o noso sistema educativo. Persoal que se ve ameazado por unha transitoria-trampa que pode supor un ERE masivo. E que, en definitiva, non garante iguais dereitos para igual traballo.
Ante esta situación, o grupo de En Marea rexistrou unha iniciativa no  Parlamento co obxectivo de instar á Xunta de Galicia a establecer unha mesa de diálogo cos sindicatos do ensino, incluíndo tamén aos representantes específicos do persoal interino, de xeito que se abra a negociación dun plan de estabilidade que debe ter como último fin a consolidación do colectivo docente interino, e instar ao Goberno Central a que se realicen todas as modificacións normativas oportunas para dispoñer dun mecanismo específico de acceso á función docente que evite o despedimento de miles de docentes interinos das aulas galegas.

A representante da Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG) denunciou o plan de precariedade laboral levado a cabo polo PP estes anos coa escusa da crise e lembrou que o Estatuto básico do empregado público recoñécese que se poda estabilizar ao persoal temporal cando se ten abusado da temporalidade mediante un concurso de mérito. Fronte a isto, o Goberno estatal en reacción á multa de 100 millóns por parte da UE, convocou un concurso-oposición que na práctica suporá un gran ERE. “Estamos ante unha situación de fraude de lei xerada polo goberno para substituír o persoal por persoal temporal máis barato” concluíu.