En Marea pide explicacións a Feijóo polo “sectarismo” de abandonar a recuperación do barrio da residencia en Lugo

A Xunta cancelou a retrocesión dos inmobles do hospital xeral o mesmo día que se formalizaba a moción de censura contra o goberno de Rajoy
Publicado por o día 13/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pide explicacións a Feijóo polo “sectarismo” de abandonar a recuperación do barrio da residencia en Lugo

En Marea esixirá no Parlamento de Galicia explicacións sobre o cambio de parecer do goberno de Núñez Feijóo sobre a revitalización do barrio da Residencia en Lugo. Un cambio que Luís Villares considera “sectario” contra a cidadanía lucense. O voceiro de En Marea considera que Núñez Feijóo debe “explicar no Parlamento por que deixa á cidadanía de Lugo sen un proxecto que revitalizaría un barrio como o da Residencia, necesitado de recuperación desde que as instalacións do hospital foron levadas ás aforas da cidade”.

O voceiro de En Marea e deputado por Lugo considera que só o “sectarismo” pode xustificar este cambio de parecer por parte da Xunta de Galicia, en primeiro lugar porque “a retrocesión dos edificios foi anunlada pola Xunta xusto o mesmo día que se formalizaba a moción de censura contra o goberno de Rajoy en Madrid”. Villares lembrou que este mesmo proxecto foi anunciado no seu día polo propio Feijóo e por Fátima Báñez.

Hoxe coñeceuse a cancelación por parte da Xunta da retrocesión da utilidade dos inmobles que formaban parte do complexo do antigo Hospital Xeral. Deste xeito, segundo Villares, o que fai a Xunta e “impedir a recuperación dun barrio e impedir tamén que Lugo deixe de contar coa nova comisaría, co centro de emprendemento aeronáutico, a oficina de emprego ou o xeriátrico”.  O voceiro de En Marea considera que esta é a demostración de como goberna o PP.