En Marea pide explicacións a Fomento por rehabilitarse o firme da A-6 con asfalto non drenante

Fernán Vello presentou varias iniciativas para saber se se contratou un tipo de asfalto inadecuado para as choivas do inverno no territorio lugués, e “de non ser así, que investigue o material utilizado para reformar a vía da A-6”.
Publicado por o día 04/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide explicacións a Fomento por rehabilitarse o firme da A-6 con asfalto non drenante

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha serie de preguntas ao Ministerio de Fomento para pedirlle explicacións polas deficientes actuacións de “parcheo” levadas a cabo en áreas de A-6 ao seu paso por Lugo.

O deputado de En Marea critica que Fomento fixese “unha reparación do firme na que todo apunta a que se empregou asfalto non drenante dada a situación que están a vivir moitos vehículos. Fica evidenciado en días de choiva posto que o paso de vehículos levanta nubes de auga e acumúlanse charcos de auga na estrada que indican que non se utilizaron materiais específicos drenantes”.

“O feito de que o asfalto non reúna as condicións necesarias para áreas de alta pluviosidade, é algo incomprensíbel. Un asfalto non drenante en inverno en territorio lugués supón un perigo claro para a condución cando chove porque imposibilita a visibilidade e as bolsas de auga que se forman no firme provocan esvaramentos”, denuncia o deputado de En Marea.

“É unha vergoña a desidia coa que se actúa”

Fernán Vello considera que se trata de “feitos graves que deben ser clarexados polo Ministerio. Ten que explicar se contratou a sabendas un asfalto inadecuado, ou en caso contrario, investigar se pagou por un asfalto drenante que non se utilizou”. Razón pola que formula unha serie de preguntas a Fomento: “Revisou as obras de rehabilitación do firme na A-9 ao seu paso por Lugo? Sabe que se empregou asfalto non drenante? De ser así, como se explican estes feitos?. En caso contrario, vai abrir unha investigación e pedir responsabilidades a quen fixo a obra?”.

O deputado de En Marea que ten esixido a mellora de numerosos viais  estatais en Lugo, lembra que levamos tempo pedindo “a reforma da A-6 en zonas como Becerreá, O Ceao, Parga, Outeiro de Rei ou Baralla. É unha vergoña a desidia coa que se actúa cando está en cuestión a seguridade vial”. Neste sentido, insiste na urxencia de investir suficiente e necesarios orzamentos na mellora das estradas. “Non nos valen as chapuzas”.