En Marea pide explicacións á Xunta polo seu papel no vertido do río Furelos en Melide

Davide Rodríguez: “Os contribuíntes non poden pagar o dano que causa unha empresa”
Publicado por o día 23/07/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea pide explicacións á Xunta polo seu papel no vertido do río Furelos en Melide

Os días 12, 13 e 14 de xullo o río Furelos, en Melide (A Coruña), sufriu un vertido de consecuencias nefastas que fulminou a 10.000 troitas. Esta zona está especialmente protexida ao formar parte da Red Natura, mais o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia Davide Rodríguez denuncia que o polígono industrial situado xunto ao río carece de sistema de depuración de augas.

En Marea vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei para que a Xunta revise a inversión nunha entidade cando se provocan danos ao Medio Ambiente e ao Patrimonio Natural do país, e así se poidan retirar as axudas correspondentes. “Os contribuíntes non poden pagar o dano que causa unha empresa”, sinala Davide Rodríguez.

Asemade, En Marea insta á Xunta a adoptar as medidas necesarias para a depuración de augas no polígono industrial da Madanela no marco da Directiva 91/271/CEE do Consello, de 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas.

“A láctea Dairyrlac S.L., conformada por a cooperativa Aira, a industria con sede en Melide que lideran as cooperativas Icos (Chantada), Codeira (Portomarín), Larsugal (Melide) ten no seu consello de Administración á propia Xunta, que participa a través de Xesgalicia, e é a presuntamente a responsable do vertido”, sinala o deputado de En Marea.

En Marea critica que a Consellería de Medio Ambiente incoa un proceso sancionador solidariamente contra concello de Melide e contra a empresa pola comisión dunha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial, que implica sancións desde os 3.001 ata os 30.000 euros, ademais da indemnización correspondente polos danos e prexuízos causados. Pero non se cuestionan as cuantiosas subvencións que esta empresa recibe a través do IGAPE e Xesgalicia.

“A Xunta comunicou que procedería a veda da pesca no río mais non decidiu cando nin que outras medidas para que non se sigan producindo os vertidos vai acometer, nin as medidas para paliar os efectos na saúde da poboación nin do medio ambiente”, apunta Rodríguez.

Por outra banda, o deputado de En Marea lembra que unha das persoas que foi representante do goberno da Xunta no Consello de Administración desta empresa láctea, acusada de ser a responsable da vertedura, é agora a Directora Xeral de Patrimonio Natural na Consellería de Medio Ambiente. E será ela quen instruirá os expedientes sancionadores, co que a imparcialidade neste caso está máis que cuestionada.