En Marea pide no Congreso a anulación da prórroga a ENCE

Publicado por o día 07/03/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea pide no Congreso a anulación da prórroga a ENCE

As deputadas e deputados de En Marea veñen de presentar no rexistro do Congreso dos Deputados unha proposición non de lei para solicitar a anulación da prórroga da concesión por 60 anos máis a ENCE, pois “foi unha prórroga asinada en Madrid e baseada na arbitrariedade, sen escoitar a opinión nin da cidadanía galega nin dos habitantes de Pontevedra, Marín e Poio, que levan máis de cincuenta e cinco anos sufrindo os efectos nocivos da pasteira e da súa planta de biomasa, ilegal, como quedou patente na sentenza por delicto ecolóxico que condenou a ENCE e a ELNOSA por contaminación atmosférica e hídrica”.

Para poder autorizar a prórroga da concesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre ata 2073 por parte de ENCE, o Goberno en funcións tivo que modificar a Lei de Costas de 1988, que fixa o prazo límite de 2018 para este tipo de autorizacións. De aí que a iniciativa inclúa, ademais, a petición de que se derrogue a Lei de Protección e Uso Sostible do Litoral (2013) e que se modifiquen o Regulamento Xeral de Costas e a Lei de Costas adaptado ad hoc para “converter a caducidade da concesión nuha especie de amnistía ” permanente para ENCE.

Para a deputada de En Marea por Pontevedra, Ángela Rodríguez, “a cidadanía pontevedresa e do resto da ría de Pontevedra leva moitos anos loitando para rematar con esta lacra que é a pasteira de ENCE e pensamos que a renovación desta concesión para que a fábrica continúe coa súa actividade é non querer escoitar a xente e actuar dende un goberno en funcións con total impunidade”. “Os pontevedreses e pontevedresas que vivimos na contorna sabemos que se nos está impedindo un modelo alternativo de vida e loitaremos para que esta prórroga sexa revisada para o que empregaremos todas as vías legais e xurídicas en colaboración con colectivos coma Salvemos Pontevedra, para conseguir que a ría volva a ser da xente”, engade a pontevedresa Ángela Rodríguez.

Dende que a nova saiu á luz, En Marea mantivo unha forte oposición a esta prórroga participando activamente nas diferentes mobilizacións e non descarta recorrer á vía xudicial se este goberno en funcións ou o novo executivo que o suceda non dan un paso atrás na concesión de ENCE. “No seu momento haberá que valorar se todos estes despropósitos administrativos e contra o medio natural poden ser constitutivos de delictos contemplados no Código Penal”, sentencia En Marea.

PRENSA EN MAREA