En Marea Pide no parlamento a reducción da idade de xubilación das camareiras de piso

Paula Quinteiro pediu tamén que se incrementen as inspeccións laborais para evitar as infraccións por parte das empresas
Publicado por o día 08/11/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea Pide no parlamento a reducción da idade de xubilación das camareiras de piso

En Marea preguntou no Parlamento de Galicia polas medidas que se están aplicando para mellorar as condicións laborais da camareiras de piso, coñecidas tamén como “kellys”. Paula Quinteiro denunciou como a situación laboral deste sector “empeora cada día máis” e ao chegar a unha situación insostible “decidiron plantarse e mobilizarse para que se cumpran os seus dereitos laborais”. En Marea propuxo no Parlamento, entre outras medidas, que se reduza a idade de xubilación das traballadoras deste sector e que se incrementen o número de inspeccións laborais para previr infraccións e abusos por parte das empresas.

Paula Quinteiro explicou que este “foi sempre un sector precarizado que, como o conxunto de traballos de coidados sempre estiveron moi infravalorados, pero a situación foi empeorando tras as últimas reformas laborais”. Engadiu a deputada “as reformas laborais non axudaron a crear mais emprego como as veces se di, só serviron para precarizar o pouco que hai. Para aumentar a temporalidade, abaratar salarios e abaratar despidos”.

As reformas permitiron o abaratamento dos e moitas empresas “moitas empresas descolgáronse do convenio colectivo  sectorial para adoptar o convenio da empresa multiservicio, o que fixo que os salarios se reduciran de maneira importante, pero tamén as condicións laborais en xeral. Eliminándose, moitas veces, por exemplo os pluses de penosidade ou toxicidade”.

Para a deputada de En Marea “o goberno ten que atender as demandas deste colectivo, que son moi básicas, porque non se pode permitir que teñamos traballadoras con unhas condicións laborais de miseria”. Quinteiro sinalou que “estamos falando dun colectivo claramente discriminado, vítima dun sexismo que desvaloriza e invisibiliza o seu traballo constantemente”.

Non é aceptable que estas mulleres teñan que facer “moitísimas habitacións, nuns tempos imposibles, con salarios ridículos: pouco máis de 2 euros por habitación, 400 cuartos  ao mes. Sen posibilidade de conciliar, sen espazo moitas veces para comer un bocadillo”.

Desde En Marea sinálanse as xornadas extensas para reunir uns ingresos mínimos. “Esta situación repercurte negativamente na conciliación e na súa saúde.  É de sentido que é necesario adiantar a idade de xubilación no sector”. Tal e como sinalou Paula Quinteiro “outra das cuestións pendentes, é facer os maiores esforzos nas inspeccións laborais, para evitar que se produzan incumprimentos do convenio que deriven en situacións de explotación intensiva”.