En Marea pide que a exhibición de “A última lección do mestre” de Castelao sirva para saldar a débeda cos asasinados da represión franquista

A formación pide que se enterre dignamente aos asasinados que quedan en fosas e cunetas, que se anulen os xuízos sumarísimos e que se recupere o Pazo de Meiras para as galegas
Publicado por o día 03/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pide que a exhibición de “A última lección do mestre” de Castelao sirva para saldar a débeda cos asasinados da represión franquista

O presidente da Xunta de Galicia quixo esquecer, na presentación do cadro A última lección do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, os motivos polos que se pintou unha das obras fundamentais da pintura galega. Núñez Feijóo non quixo pronunciar palabras como asasinato, fusilamento, represión, cunetas e deixou o seu discurso nunha apropiación do cadro asegurando que esta Galicia “é a Galicia que soñou Castelao”. Na presentación da obra, o voceiro de En Marea, Luís Villares, afeou a apropiación da obra por parte do presidente e fixo unha petición para que a estancia do cadro en Galicia sirva para “devolver a memoria e a dignidade ás vítimas da represión franquista”.

Luís Villares sinalou que non se podía “ocultar o pasado de maneira tan clara”, acusando ao presidente da Xunta de facer “un exercicio de escapismo de negación da realidade que viviu este país”. Para Villares, a idea de que na presentación dunha obra na que hai un mestre asasinado non se expliquen os motivos desa imaxe “significa que quere darse outra explicación a ese feito, que non se quere recoñecer a realidade das vítimas do franquismo”.

Por este motivo, Luís Villares pediu que se aproveitara “o tempo no que o cadro vai estar en Galicia” e acometer unha serie de accións que “devolvan a dignidade ás vítimas do franquismo, aos seus familiares e tamén ao conxunto das galegas”. Para o voceiro de En Marea, son tres puntos que se poderían cumprir no tempo en o cadro permaneza en Galicia. Tres puntos que servirían para saldar a débeda que Galicia ten coas vítimas.

O primeiro deles sería darlle sepultura digna a todos os asasinados do franquismo en Galicia que aínda seguen enterradas “nas fosas comúns e nas cunetas”. Esta é unha medida que, segundo explicou Villares, “xa tería que estar feita, pero aproveitando a denuncia que o cadro fai, agora é un momento para que a Xunta demostra cal é a súa verdadeira intención”.

A segunda das propostas é “anular os xuízos sumarísimos realizados polos franquismo en Galicia e que foron unha farsa”. Esta medida xa está foi pedida por En Marea tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados. Villares sinalou que os xuízos “foron unha farsa para darlle unha apariencia de legalidade á violencia brutal do franquismo e para facer pasar a represión por outra cousa”.

A terceira medida que ten solicitado En Marea en todos os ámbitos, desde o municipal en Sada, tamén nos ámbitos parlamentarios, é a recuperación do Pazo de Meirás para o público. “Sería unha estupenda noticia e tamén unha xustiza histórica que mentres o cadro está en Galicia se fixeran estas tres acción e poderíamos dicir, cando o cadro marche de volta a Buenos Aires, que as galegas fumos que de estar a altura da mensaxe e da denuncia que o cadro ten”.