En Marea pide que a Xunta promova as carreiras STEM entre as alumnas para acabar coa fenda de xénero nestes estudos

Luca Chao propón unha campaña institucional de fomentos das carreiras técnicas e científicas e un programa de bolsas específicas para que as mulleres desenvolvan estudos científicos
Publicado por o día 26/10/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pide que a Xunta promova as carreiras STEM entre as alumnas para acabar coa fenda de xénero nestes estudos

En Marea pediu na Parlamento de Galicia que a Xunta rompa coa súa absoluta desgana en materia de igualdade e comece por facer unha campaña de promoción dos estudos técnicos e científicos entre o alumnado feminino de primaria e secundaria. O obxectivo desta proposta é acabar coa fenda de xénero que se rexistra en Galicia na elección destes estudos por parte de mulleres, que no curso 2015/16 era dun 25%.

A deputada de En Marea, Luca Chao explicou que non se podía aceptar o argumento de que esta fenda se debía “a que as mulleres obteñen peores resultados nas probas que involucran operacións matemáticas, pero isto é o síntoma, non a causa. As mulleres obteñen peores cualificacións nestes exames porque é o que se espera delas. Así o demostran numerosos estudos ao respecto”. A deputada sinalou que “as expectativas negativas que depositamos nas mulleres afectan negativamente ao seu rendemento. Agora ben, en iguais circunstancias, rapaces e rapazas sacan as mesmas notas”.

Tamén sinalou Luca Chao que para superar a fenda de xénero na educación “é preciso que eduquemos en igualdade, subliñando os referentes científicos femininos que poidan servir de inspiración ás nenas, non só nas escolas, senón tamén nos medios de comunicación e no espazo público, xa que a formación das rapazas non se circunscribe só aos centros educativos”.

A proposta de En Marea para salvar esta fenda de xénero está resumida en catro puntos:

a) unha campaña institucional de fomento das carreiras STEM nos centros de ensino primario e secundario.
b) encontros de científicas co alumnado dos centros de ensino primario e secundario co obxectivo de ofrecer exemplos reais de mulleres dedicadas á ciencia.

c) promoción do coñecemento de científicas pioneiras galegas mediante publicacións especializadas que podan servir de materiais de estudo así como exposicións de carácter máis divulgativo.
d) un programa de bolsas específico para mulleres que desenvolvan carreiras científicas.