En Marea por un goberno que se comprometa a anular a prórroga de ENCE na Ria de Pontevedra

Publicado por o día 27/01/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea por un goberno que se comprometa a anular a prórroga de ENCE na Ria de Pontevedra

Logo do que o goberno en funcións de Mariano Rajoy prorrogase in extremis a permanencia da celulosa ENCE na ría de Pontevedra, dende En Marea anunciamos que esta será unha cuestión prioritaria no diálogo para investir un goberno de cambio de tal xeito que pediremos un compromiso público de que se revisará, anulará e deixará sen efecto esta prórroga.

A factoría pontevedresa dá emprego directo a 366 persoas, pero esa cifra non ten en conta o número de postos de traballo dos sectores primarios que desaparecen cada ano a causa da contaminación da ría: das 993 licenzas de marisqueo que había en 1999 pasamos a menos de 400 en xaneiro de 2015.

A ampliación da concesión a ENCE é unha decisión impropia dun goberno en funcións, un xeneroso tributo á política de portas xiratorias que En Marea non vai tolerar, pois defendemos a recuperación dos sectores primarios estratéxicos fronte ao modelo privado e mercantilista do Partido Popular. Unha hipoteca ambiental que queren que paguemos os galegos e as galegas e que non será consentida por un Goberno do cambio.

O Goberno en funcións do Partido Popular vén de resolver a concesión de prórroga a ENCE na ría de Pontevedra ata o ano 2073. Unha prórroga asinada en Madrid, sen escoitar a opinión nin da cidadanía galega nin dos habitantes da ría de Pontevedra, que levan anos convivindo cos efectos da papeleira e pedindo que non se ampliase a concesión a ENCE, que remataría en 2018.

Esta decisión é un despropósito político tan só explicable a través de fenómenos coma o das portas xiratorias que levou aos ex conselleiros de Medio Ambiente do PP, Carlos del Álamo e Isabel Tocino, ás cadeiras do consello de administración de ENCE. De aí que o PP se negase a executar a sentenza do Tribunal Supremo de 11 de xullo de 2011 (viña a ratificar outra sentenza da Audiencia Provincial de 19 de maio de 2011) que condenaba á Administración a incoar o expediente de caducidade da concesión e adoptar as medidas legais oportunas para levar a cabo a paralización da actividade e suspender o uso e explotación das instalacións. Pola contra, concédeselle a Autorización Ambiental Integrada a ENCE e seguidamente modificase a Lei de Costas, xustamente no sentido que favorecía á pasteira para permanecer durante décadas emporcando a ría e hipotecando a zona e os seus sectores produtivos.

O grupo empresarial ENCE, S.A. Non ten concesión polo que con esta prórroga entendemos que o Goberno en funcións está incorrendo nunha presunta prevaricación pois se o o expediente de caducidade non está resolto, non procede a prórroga.

Sufrimos un goberno en funcións agónico e antidemócrata que non dubida en asinar concesións a empresas en detrimento do ben común mentres lle nega a forzas políticas que representan a millóns de cidadáns a representatividade que lle outorgaron as urnas. Dende a Xunta de Galicia coñecían ben seguro este sinistro plan e quizáis iso se apuraron a outorgarlle ao proxecto de Lourizán carácter supramunicipal e a validar ambientalmente ENCE. Agardemos que os novos tempos traian aires limpos de cambio que derroguen esta ultraxe a Pontevedra e a súa comarca.

POR UNHA RÍA DE PONTEVEDRA SEN ENCE!!!

PRENSA EN MAREA