En Marea pregunta ao Goberno se vai eliminar o cambio de hora, como propón a Comisión Europea

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou varias preguntas ao Executivo para saber cal é a posición sobre este tema ao coñecer a proposta do Presidente da Comisión Europea.
Publicado por o día 02/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pregunta ao Goberno se vai eliminar o cambio de hora, como propón a Comisión Europea

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou este venres no rexistro da Cámara Baixa varias preguntas dirixidas ao Goberno de Pedro Sánchez para coñecer se vai tomar nota da proposta da Comisión Europea de eliminar o cambio de hora.

“Que opinión ten o Goberno en relación á proposta da Comisión Europea? Está a favor de que se manteña o fuso horario sen levar a cabo cambios de hora? Comparte que o fuso horario correspondente ao paralelo de Greenwich, que era o imperante no Estado español até o ano 1942, é o mais apropiado respeito á luz solar? É consciente de que o sistema de cambiar a hora é máis pernicioso ainda para territorios como Galicia que, dada a súa ubicación, sofren máis as consecuencias sociais negativas?”, son algunhas das preguntas que plantexa Miguel Anxo Fernán Vello.

O cambio de hora sempre estivo cuestionado

O deputado de En Marea lembra que se trata dun tema moi debatido e cuestionado posto que a propia UE admitió en varias ocasións que o aforro enerxético é realmente marxinal. En cambio, o impacto nos biorritmos humanos é maior. Neste sentido, salienta que no Estado español imperaba o fuso horario correspondente ao paralelo de Greenwich até que Franco decidiu adoptar o fuso horario da Alemaña nazi, o da Europa central. Foi, polo tanto, “un cambio por razóns ideolóxicas e non racionais”.

Galicia é un claro exemplo de que deberíamos ter o fuso horario do paralelo de Greenwich

Fernán Vello sinala que “desde sempre, e en correspondencia coa luz natural do sol, Galicia debería  ter o fuso horario de Portugal. Hai unha diferenza de case unha hora entre Fisterra e o leste do estado, por exemplo, con Barcelona. É un sinsentido que teñamos o fuso horario de Alemaña ou de Polonia”.

Ademais, remarca que a Comisión de Igualdade no ano 2013, aprobaba o Informe da Subcomisión de Racionalización de horarios no que se recomendaba adoptar o fuso horario correspondente ao paralelo de Greenwich.

Para o parlamentar de En Marea, a enquisa feita online pola UE tamén é amosa un sentir favorábel a rematar cos cambios horarios. “Algo a ter en conta”. Pero considera fundamentalmente que “o importante é seguir un fuso horario que sexa racional e acorde á luz natural do sol. No caso de Galicia está claro que a hora debería ser a do paralelo de Greenwich, como a de Portugal”.