En Marea pregunta polas medidas tomadas pola Xunta arredor do novo brote de couza da pataca en Muxía

Levará ao Parlamento a necesidade de tomar novas medidas para evitar a constante expansión da praga en Galicia
Publicado por o día 28/03/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea pregunta polas medidas tomadas pola Xunta arredor do novo brote de couza da pataca en Muxía

A aparición da coñecida como couza da pataca nun novo brote en Muxía chegará ao Parlamento de Galicia coa proposta de En Marea que acusa á Xunta de ineficacia nas medidas de protección tomadas ata agora na erradicación desta praga e pide novas medidas para erradicala en Galicia.

En Marea reclamará no pleno do Parlamento a investigación que permita saber de que maneira unha praga que se dicía controlada no norte de Lugo ten un brote novo na Costa da Morte sen que os planos anunciados e os cartos investidos nos mesmos non teñan servido para evitar a expansión da praga e, moito menos, para a erradicación.

En Marea preguntará á Xunta de Galicia sobre a situación da couza tras este novo brote :
1.- Informar sobre o avance da couza guatemalteca e as medidas que se van tomar a fin de erradicala.
2.- Informar sobre as medidas establecidas ata o de agora e os seus efectos, recollidos na resolución do 8 de marzo de 2017 que recolle as zonas infestadas e as zonas tampón, e implementa as medidas para a erradicación e control do organismo de corentena.
3.-Informar sobre as axudas concedidas a particulares e produtores.

O pasado luns, 26 de marzo, a Xunta declara o Concello de Muxía zona infestada pola couza da pataca, ampliando a esta localidade as medidas aplicadas dende hai tres anos nos restantes afectados por esta praga, nomeadamente a prohibición de botar pataca e de comercializala. Ademais, os concellos anexos (Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas) engadiranse ás zonas tampón nas que calquera persoa que queira plantar este tubérculo deberá comunicalo á Xunta, que tamén establece unha serie de limitacións e obrigas para a súa comercialización.

Descoñécese cal foi a vía de entrada da praga en Muxía, pero as medidas e controis establecidos polo Goberno galego demostráronse insuficientes para frear a expansión da couza guatemalteca. En Muxía, Medio Rural detectou tres casos en plantacións de autoconsumo, converténdose esta localidade da Costa da Morte no primeiro lugar no que se detectan casos de couza guatemalteca fóra das zonas de protección que quedaron establecidas o pasado ano en 31 concellos de Ferrolterra e a Mariña lucense. Descoñécese cal foi a vía de entrada da praga en Muxía, quer por estrada quer por mar, pero en todo caso a realidade é que as medidas e controis establecidos polo Goberno galego demostráronse insuficientes para frear a expansión da couza guatemalteca.

En Marea quere coñecer cal é a situación actual da praga en Galicia
e se a Xunta tomará novas medidas para erradicala, xunto coas medidas concretas tomadas arredor do brote de Muxía. En Marea tamén quere coñecer as axudas concedidas a particulares e produtores con motivo desta praga.