En Marea preguntará ao goberno galego cando pensa poñer en marcha “políticas serias” para atender as persoas con Dano Cerebral Adquirido

A deputada Paula Vázquez Verao denunciou o incumprimento por parte da Xunta do acordo aprobado por unanimidade no Parlamento no que se instaba a construción dun centro público de rehabilitación en Galicia antes do remate do pasado ano
Por o 10/01/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea preguntará ao goberno galego cando pensa poñer en marcha “políticas serias” para atender as persoas con Dano Cerebral Adquirido

O DCA é a primeira causa de morte feminina en Galicia e a primeira causa de discapacidade na persoa adulta e presenta unha porcentaxe dun 13,1 por cento fronte ao 9,3 por cento do conxunto do Estado

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2019.- O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar unha pregunta para a súa resposta en pleno co obxectivo de saber cando ten pensado o goberno de Núñez Feijóo levar a cabo políticas serias para atender as necesidades das persoas con Dano Cerebral Adquirido. A deputada Paula Vázquez Verao lembrou que o DCA en xeral e o ictus, particularmente, é a primeira causa de morte feminina en Galicia e a primeira causa de discapacidade na persoa adulta, e o envellecemento progresivo da poboación galega incide no agravamento do problema.

Asemade, o traumatismo craneoencefálico é a primeira causa de invalidez entre mocidade e a segunda de dano cerebral adquirido. Esta patoloxía é cada vez máis frecuente. Segundo datos de Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), unha de cada seis persoas sufrirá ictus, das cales, arredor do 70 por cento terá lesións con consecuencias. Co dano cerebral adquirido pérdense distintas capacidades, sendo moitas e variadas as secuelas que se presentan en diferentes graos e intensidades segundo a persoa. Como sinala o FEGADACE, “co dano cerebral adquirido perde sentido falar de discapacidade física, psíquica ou sensorial: son moitas ao mesmo tempo.”
Segundo a Federación en Galiza hai unhas 35.000 persoas con DCA, case o 80 por cento motivado por ictus. A prevalencia en Galiza é dun 13,1 por cento, fronte ao 9,3 por cento do conxunto do Estado. Logo dun ictus, un terzo das persoas recupérase, outro queda con secuelas e un terzo falece.

Tras un accidente cerebral é fundamental, para evitar as máximas secuelas posibles, o tratamento no menor tempo posíbel nun centro hospitalario que conte cun equipo especializado en dano cerebral, tanto na etapa de atención aguda como no período establecido de rehabilitación, sen embargo, fallamos na dotación de recursos públicos para atender unha rápida, continuada e avaliada rehabilitación neurolóxica.

Pese a isto, en Galiza existen unidades de ictus, de atención na fase aguda, sen ser unidades interdisciplinares, pero non hai un centro para a rehabilitación específica de longa estancia. Así, pacientes que precisan deste tipo de rehabilitación son derivados ao Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral ou a unha clínica de Barcelona (Guttman) e, recentemente tamén a unha clínica pontevedresa (ampliación co concerto co Hospital Miguel Domínguez (QuirónSalud), asinado o 11 de abril de 2017, para incluír neurorehabilitación), non existindo en Galiza centro público que cubra esta necesidade fundamental para que pacientes recuperen mobilidade e vida independente. No caso da clínica pontevedresa, ademais, só atenden a persoas diagnosticadas de “estado de vixilia sen resposta e estado de mínima resposta”, cunha serie de criterios, quedando excluídas persoas maiores de 50 anos e persoas que teñan outras patoloxías, ademais do DCA.

En ambos centros existe lista de agarda, o que prexudica como denuncia a deputada de En Marea o resultado óptimo na mellora ou rehabilitación. Ademais, non todas as persoas dispoñen de acompañantes que podan desprazarse para o tratamento e sufragar o tempo de estancia en Madrid ou Barcelona. Por outra parte, no centro estatal só se atenden doentes de 16 a 55 anos con procesos recentes e recuperables e en estado físico de poder viaxar cada 15 días, e no centro de Barcelona, existe lista de agarda. O tratamento na clínica pontevedresa, coa que recentemente a Xunta asinou un convenio, só se atenden pacientes diagnosticadas de “estado de vixilia sen resposta”, do que cada ano se diagnostican entre 15 e 30 novos casos en Galicia, o que representa unha escasa porcentaxe das persoas afectadas.

“A realidade galega é que as familias han de asociarse para acceder a recursos de rehabilitación e estes son escasos, recaendo o coidado e apoio a estas persoas no entorno familiar, sobre todo nas mulleres” asegura Paula Vázquez Verao.

Tendo en conta que o acceso a este servizo especializado na vía privada é inasumible pola maioría de persoas ou familias, máis cando a enfermidade condiciona logo a reincorporación ao mercado laboral -case o 73 por cento das persoas con DCA teñen dificultades para traballar-, e que a maioría de casos non encaixan nos criterios polos que serían atendidos/as nestes centros, En Marea defende a necesidade dun centro público de rehabilitación en Galiza.

Así, o 29 de novembro de 2017, aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia un dos puntos dunha Proposición non de lei de En Marea, relativa ás actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa atención sanitaria a doentes con dano cerebral adquirido, coa seguinte resolución: “O Parlamento de Galicia insta á Xunta a estudar nos primeiros meses do ano 2018 a creación en Galicia dun centro público de referencia para a rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido.” Sen embargo, o 2 de maio de 2018, en resposta a unha pregunta de En Marea polo grao de cumprimento deste acordo, a Xunta recoñeceu que o estudo non se fixera e que “se faría en 2018”, incumprindo xa os prazos do acordo acadado e sen especificar.

Por todo isto, e ante o incumprimento por parte da Xunta de Galicia dos acordos aprobados polo Parlamento galego, En Marea insiste no tema e volverá a preguntar cando teñen pensado desenvolver políticas serias para atender as necesidades das persoas con dano cerebral no noso país.

Comentar noticia

Your email address will not be published.