En Marea presenta as primeiras medidas políticas urxentes para os profesionais da cultura

Publicado por o día 18/02/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea presenta as primeiras medidas políticas urxentes para os profesionais da cultura

Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz na Comisión de Cultura: “A situación da cultura é grave e queremos que sexa atendido con carácter prioritario como sector estratéxico”

En Marea, en coordinación con Podemos e En Comú Podem, presentaron este mércores no Congreso dos Deputados unha Proposición Non de Lei (PNL) na que se insta ao Goberno do Estado a adoptar medidas que o grupo considera urxentes para o sector cultural. “Consideramos que a cultura é fundamental e prioritaria e que debe ser atendida como sector estratéxico de interese político e social. A situación do sector cultural é grave”, sinala o deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz do Grupo Confederal na Comisión de Cultura.

Unha medida prioritaria é a suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os expedientes contra autores, tradutores e creadores en xeral en relación ao cobro simultáneo de dereitos de autor e a percepción de pensións, ademais de esixir unha modificación da lexislación para que sexa compatible o cobro de dereitos de autor e a percepción das pensións de xubilación. “Xa hai autores de Galicia que están recibindo as cartas e queremos que se reforme a normativa porque a creación cultural a calquera idade é un patrimonio colectivo de gran importancia ao que non podemos nin queremos renunciar”, indicou Fernán Vello.

O texto tamén propón reducir e unificar o IVE cultural en consonancia co resto dos países europeos, onde o tipo medio é do 7%.

Outra medida contemplada na iniciativa presentada hoxe é iniciar actuacións que promovan a igualdade de xénero e fomenten unha cultura máis igualitaria, especialmente o acceso das mulleres a todos os ámbitos e niveis profesionais chegando a unha plena equiparación laboral.

Finalmente insta a crear un Estatuto do Artista e dos Profesionais da Cultura con rango de norma xurídica, que axuste a fiscalidade á actividade profesional intermitente propia do sector, que contemple un réxime específico da Seguridade Social, que faga efectivo o dereito dos profesionais da cultura a contar con representación sindical e que vincule o sector con prácticas da economía colaborativa, social e solidaria, a través de cooperativas de traballo.

PRENSA EN MAREA