En Marea presenta os seus plans de traballo para as Comisións de Investigación sobre a Sanidade e O Marisquiño

Quere escoitar as aportación de profesionais, usuarios e cargos do SERGAS e a Consellería sobre os casos da hepatite C e o acontecido no verán no PAC da Estrada, pero tamén sobre as listas de espera e a situación estrutural da sanidade pública
Publicado por o día 29/10/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea presenta os seus plans de traballo para as Comisións de Investigación sobre a Sanidade e O Marisquiño

En Marea solicitará a comparecencia do presidente e o vicepresidente da Xunta na Comisión de Investigación que analizará no Parlamento de Galicia o acontecido na última edición do Marisquiño, en Vigo. A formación xa ten listos os plans de traballo que presentará tanto a esta como á Comisión de Investigación sobre a Sanidade; que a formación quere empregar para recabar datos sobre a morte dun home no PAC da Estrada e sobre os casos de hepatite; pero tamén para analizar a situación estrutural do sistema sanitario e tentar buscar solucións ás listas de agarda. Ademais, En Marea agarda que en ámbolos casos o traballo da Cámara sirva para resarcir ás vítimas e garantir que ningún galego teña que voltar pasar por ese tipo de situacións.

En Marea aposta pola fórmula da participación cidadá nos seus plans de traballo e solicita a creación dunha plataforma web que permita á cidadanía achegar suxestións, puntos de vista e reflexións. Ademais, a formación ten incluído no seu listado de comparecentes unha ampla representación dos profesionais da sanidade, así como de pacientes e usuarios da mesma.

No caso do Marisquiño, o plan de traballo de En Marea aposta por analizar polo miúdo o marco normativo existente aplicable tanto aos espazos portuarios como aos espectáculos multitudinarios. A formación quere esclarecer as posibles responsabilidades que o Concello de Vigo, a Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia pudieron ter no accidente. Pero tamén repasar a lexislación en busca de posibles eivas e introducir as modificacións precisas para garantir a máxima seguridade e coordinación e conseguir que algo similar non se repita no futuro.