En Marea presenta unha proposición de Lei para regular o acceso ás xefaturas de servizo e coordinación no SERGAS e acabar cos continuos enchufes por parte da Xunta

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou a necesidade de acabar coas colocacións a dedo nas institucións sanitarias
Publicado por o día 20/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea presenta unha proposición de Lei para regular o acceso ás xefaturas de servizo e coordinación no SERGAS e acabar cos continuos enchufes por parte da Xunta

O grupo de En Marea anunciou que rexistrará no prazo dun mes unha proposición de Lei para a regulación do acceso ás xefaturas de servizo e coordinación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para acabar coa actual opacidade e os enchufes que se están a dar por parte da Consellería de Sanidade. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, salientou que a “escandalosa” situación que se está a dar a día de hoxe fai preciso establecer unha normativa específica para acabar coas colocacións a dedo que existen e que foron denunciadas por diversos colectivos e confirmadas incluso en sentenzas xudiciais.

O goberno galego o primeiro que fixo foi mudar os xerentes para poñer persoas máis doadas de controlar e que respondan aos criterios do Partido Popular. A continuación valéronse do Decreto para colocar xefas e xefes de servizo máis favorables ao partido do Goberno como salientou Eva Solla. Esta situación ten sido denunciada en numerosas ocasións polos profesionais e tamén por entidades como Batas Blancas ou a Asociación Galega da Sanidade Pública. “Estamos ante unha situación antidemocrática e de falla de transparencia” incidiu a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea.

A proposta de Lei de En Marea ten como obxectivo establecer unha regulación no acceso a estes postos que impida vinculacións políticas. Así, unha das novidades que se inclúe sería a regulación un sistema a través dun órgano colexiado, cunha comisión para avaliar os méritos e capacidades dos candidatos e candidatas elexido a través de sorteo o que evitaría que eses membros sexan igualmente colocados a dedo, como acontece na actualidade.

O sorteo faríase entre profesionais que tiveran os mesmos ou superiores méritos de cada xefatura de servizo e serían escollidos nun sorteo na mesa sectorial de sanidade para que traballadoras e administración poidan ser testemuña do proceso de sorteo. Así mesmo, os cargos de libre designación non poderían formar parte dos órganos que escollan a estes profesionais.

Eva Solla denunciou tamén o continuo incumprimento da Lei de incompatibilidades, un dos requisitos debe ser que non podan concorrer aqueles profesionais con intereses na privada algo que está a acontecer na actualidade como recoñeceu o propio Sergas.

“Moitos profesionais teñen denunciado que os baremos decídense despois de coñecer candidatos e bases fanse add hoc e a decisión final basease nun proxecto técnico totalmente subxectivo, algo totalmente inaceptable” subliñou Eva Solla.

O grupo parlamentario de En Marea trasladará a súa proposta de Lei durante o vindeiro mes aos profesionais, asociacións médicas e sindicatos para que poidan facer as aportacións que consideren oportunas, e pasado este prazo rexistrará a súa proposta no Parlamento de Galicia co obxectivo de que sexa debatida neste mesmo período de sesións.