En Marea presentará no Congreso iniciativas urxentes para o sector lácteo en coordinación con AGE dende Galicia e Bruxelas

Publicado por o día 30/01/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea presentará no Congreso iniciativas urxentes para o sector lácteo en coordinación con AGE dende Galicia e Bruxelas

Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea no Congreso: “Presentaremos de xeito inmediato no Congreso iniciativas que se centren no sector lácteo galego”

Antón Sánchez, vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego: “Catro meses despois do acordo os prezos seguen sendo os mesmos, demostrouse que tan só tiña un obxectivo desmobilizador”

Lidia Senra, eurodeputada de AGE en Europa: “Temos que ir a un modelo de control e regulación do sector, a solución nunca vai vir dos mercados internacionais”

  Co obxectivo de coordinar as políticas nas institucións que teñen competencias no sector lácteo, En Marea traballará en rede cos deputados de AGE no Parlamento Galego e no Europarlamento no deseño de iniciativas que aporten solucións para os gandeiros galegos. “Temos a vontade de presentar de xeito inmediato iniciativas centradas no sector lácteo porque o consideramos urxente e prioritario. E solicitaremos a implicación dos políticos a nivel estatal para que situacións coma a que deixa sen recollida de leite a 50 explotacións da Terra Cha deixen de acontecer”, reivindicou Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea por Lugo. “Consideramos que os gobernos actuais deseñaron un plan de exterminio para o sector lácteo que vén de lonxe. E isto non só acaba coa economía produtiva do país, ten unha dimensión cultural e social moito máis ampla que poderiamos cualificar de etnocidio”, concluiu Fernán Vello.

Para o vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez, “o modelo da actual Xunta de Galicia é a desertificación e a perda dos sectores produtivos, pois están máis interesados noutro tipo de negocios que, como se demostra cada día, lle dan máis beneficios ó Partido Popular”. Sánchez reivindica un prezo de referencia para os custes de produción e dende o Goberno galego deberían traballar liderando as conversas coa distribución e coa industria tomando medidas de presión contra as empresas que abusan da súa posición de dominio. “Cómpre un plan de industrialización do sector lácteo, algo que aínda non se fixo en Galiza”, reivindicou o vicevoceiro de AGE no Parlamento que tamén criticou duramente o acordo que hai catro meses desmobilizou aos gandeiros das rúas “ e que desmostrou que só tiña ese obxectivo, pois os prezos seguen sendo os mesmos e cada día continúan pechando explotacións”. Para AGE é prioritario dinamizar as oficinas agrarias comarcais. “Entre 2007 e 2013 deixaron de executarse 56 millóns de euros do Plan de Desenvolvemento Rural porque nestas oficinas só hai un administrativo para abrir e pechar a porta, no canto de deseñar proxectos de futuro para o rural”.

Dende Bruxelas, a eurodeputada de AGE en Europa, Lidia Senra, considera que a decisión de Leite Celta de deixar de recoller o leite de 50 granxas a partir do luns é só a punta do iceberg, que vén a agravar a situación crítica de miles de explotacións. “Isto ten a súa orixe na liberalización do sector lácteo e na fin das políticas públicas no sector lácteo que se plasmaron no abandono das cotas. Ten que haber un instrumento do control da prdución.Cando dende a política europea, onde están participando activamente os partidos que sostiveron os gobernos de aquí, o que se defende é a liberalización o que provoca é unha vulneraicón total dos dereitos dos produtores. Todo o que se nos vendeu como saídas para o sector dende o s mercados internacionais foi falso. É irresponsable someter a un sector ó que poida pasar cuns mercados que non se controlan”, denunciou Lidia Senra, que anunciou que xa pediron unha entrevista co comisario de Agricultura para que se tomen medidas urxentes e inmediatas que regulen a produción a nivel europeo.

PRENSA EN MAREA