En Marea priorizará a candidatura única galega e descarta unha alianza con Más País

Publicado por o día 29/09/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea priorizará a candidatura única galega e descarta unha alianza con Más País

En Marea centrará os seus esforzos para as vindeiras eleccións xerais en promover a candidatura galega única ampla e que represente os intereses de Galicia en clave progresista. O consello da mareas decidiu priorizar esta candidatura diante da incompatibilidade que as formacións que poderían conformar esta candidatura única teñen para formar alianzas máis alá do espazo galego e tamén pola dificultades encontradas para que Más País asumira unha auténtica axenda galega e un marco verdadeiramente confederal no funcionamento da alianza.

O consello das mareas optou por impulsar decididamente unha candidatura única de forzas progresistas galegas tal e como propuxo no seu chamamento hai unha semana, chamamento que tivo eco nas propostas realizadas por Anova e Compromiso por Galicia. Desde En Marea emprazamos ás demais forzas progresistas galegas a sumarse a esta candidatura única co obxectivo de conseguir unha axenda política propia no Congreso e, ao tempo, desenvolver unha axenda social e democrática que atenda as emerxencias que vive o noso país, climática, feminista e social.

En Marea considera positivos os movementos das forzas progresistas galegas para acadar unha candidatura única

Unha semana despois de que En Marea propuxera unha candidatura única progresista galega para as vindeiras eleccións xerais para dar representación as galegas e galegos nas Cortes, insistimos no chamamento a conseguir alianzas coas forzas galegas sen exclusións nin vetos.

A decepción xerada tralo fracaso do PSOE e Podemos na conformación de goberno abre unha opción a que Galicia recupere a súa voz no Congreso, na busca dun goberno de transformación que poña no centro os dereitos das maiorías sociais, o feminismo e a ecoloxía.

A actual fragmentación do espazo político nacional galego non contribúe a conseguir representación para o noso país. Hai que ser claros: a existencia de múltiples candidaturas fainos perder a todas e, sobre todo, fai perder a Galicia dunha oportunidade excepcional para participar na reconfiguración da política estatal.

Afortunadamente, os movementos dos últimos días en diversas organizacións galegas abren a porta a que este diálogo poida fructificar para superar a actual fragmentación. Tanto os acordos da Conferencia Nacional de Anova como o último plenario de Compromiso por Galicia facilitan que este diálogo poida fructificar e ter como resultado representación galega nas Cortes.

Polo tanto, reiteramos a necesidade dun diálogo franco, sincero e sen exclusións entre os diversos actores galegos con vocación de construción dunha candidatura nacional. Neste tempo de urxencia, apelamos novamente á responsabilidade das forzas progresistas galegas e tamén a movementos sociais, mareas municipais e diversos actores individuais na busca da conformación dunha candidatura galega ampla, que permita recuperar a ilusión en boa parte da cidadanía galega que, nun escenario de división, probablemente se dirixa á abstención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.