En Marea propón que a toponimia galega sexa declarada Patrimonio da Humanidade

A proposta de En Marea foi apoiada por todos os grupos parlamentarios
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea propón que a toponimia galega sexa declarada Patrimonio da Humanidade

En Marea propuxo no Parlamento de Galicia que a toponimia galega fose declarada Patrimonio da Humanidade como corresponde a amplitude e a riqueza que Galicia posúe neste campo. A vicevoceira parlamentaria de En Marea, Carmen Santos, explicou que “é necesario protexer a riqueza toponímica galega e tomar medidas para conservala”, recollendo o manifestado pola Real Academia Galega.

Carmen Santos defendeu no Parlamento que a Real Academia Galega leva tempo pelexando “por cuestións que debería asumir a Xunta para promover a cultura, lingua e patrimonio da nación galega”. Neste sentido, En Marea considera, seguindo o explicado polos académicos galegos, que a toponimia é unha das grandes riquezas culturais de Galicia, segundo Vicente Feijóo Ares, da RAG, ““non existe ningunha rexión en Europa, mesmo nos atreveriamos a dicir no mundo, que se aproxime en número, variedade e antigüidade a esta riqueza cultural que singulariza o noso país”.

Para protexer esta riqueza, En Marea considera que hai que tomar medidas efectivas que, ademáis de garantir o uso oficial da toponimía tal como está recollido no Estatuto, supoñan tamén a recuperación dos topónimos perdidos, a investigación dos seus significados e a súa divulgación social. Neste sentido, Carmen Santos recordou que Filgueira Valverde cifrou en máis de tres millóns o número de topónimos, aínda que na actualidade a cifra é menor. Santos citou a Feijóo Ares ao explicar que en Galicia “hai topónimos con máis de dous mil anos de antigüidade e son o único vestixio das linguas celtas faladas no noso territorio antes da chegada dos romanos”.

Carmen Santos reclamou que a toponimia galega precisaba dun “compromiso claro e contundente por parte do goberno galego” sen embargo non foi ata 2015 cando a toponimia foi citada de forma expresa na Lei 10/2015. Para En Marea isto é claramente insuficiente, sendo necesarias “maiores garantías de protección para o noso patrimonio toponímico. A Xunta ten a obriga de poñer os medios para recoller e salvagardar un patrimonio que corre un grave risco de desaparecer, debido aos cambios que experimentou Galicia dende dúas ou tres décadas, uns cambios e deterioro que seguen en avance”.

Tendo en conta “o momento delicado que se vive para a toponimia galega, tanto para En Marea como para a RAG, é urxente rexistrar sen demora este caudal de información lingüística, xeográfica, histórica e cultural que hai detrás dos nomes que indentifican cada espazo e recuncho de Galicia de terra e do mar, do interior e da costa. Toda esta riqueza forma parte da nosa memoria colectiva”.

O que pretende En Marea é que se poña en marcha, en colaboración coa Real Academia Galega, as xestións para que o conxunto da toponimia galega sexa declarada Patrimonio da Humanidade como argumento central dunha serie de medidas que protexan a amplitude, a conservación e a recuperación da toponimia galega.

As peticións concretas realizadas por En Marea no Parlamento de Galicia son:

1- Iniciar os procedementos e xestións políticas necesarias para que, de acordo coa RAG, a toponimia galega sexa declarada Patrimonio da Humanidade.
2- Que a Xunta de Galicia impulse un plan concreto e efectivo que amose un compromiso claro co fin de non seguir perdendo os símbolos da nosa identidade cultural.
3- Que a Xunta de Galicia se comprometa de xeito real cos proxectos e iniciativas que están traballando neste eido dándolles maior apoio público e dotándoos de recursos económicos, persoais e materiais necesarios e ofrecendo maiores garantías de protección para o noso patrimonio toponímico.