En Marea propón unha comisión de investigación para aclarar o sucedido no Marisquiño e evitar que se repitan sucesos similares

Villares pide que esta comisión teña tres obxectivos: “buscar a verdade, aclarara competencias e depurar responsabilidades”.
Publicado por o día 18/08/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea propón unha comisión de investigación para aclarar o sucedido no Marisquiño e evitar que se repitan sucesos similares

En Marea solicitará unha comisión parlamentaria que investigue o sucedido no festival O Marisquiño, en Vigo, unha semana despois do afundimento da infraestrutura do bordo marítimo as vítimas, afectados e a cidadanía galega en xeral asistiu a un cruce de acusacións e actitudes infantís que serven para calquera cousa menos para dar solucións as vítimas e para transmitir confianza á cidadanía. O voceiro de En Marea, Luís Villares, sinalou que esta comisión que se pide deberá ter tres cometidos fundamentais: “que busque a verdade do sucedido, que aclare as competencias e que depure responsabilidades”. Tamén deberá, segundo Villares “evitar que isto poida volver suceder”.

Luís Villares asegura que “esta semana que pasou desde o afundimento só serviu para ver unha actitude completamente infantil por parte dos responsables políticos de rexeitar as súas responsabilidades e botarlle a culpa aos demais”. “Vimos a Feijóo, Caballero e López Veiga nun uso absolutamente irresponsable e partidista das institucións sen aclarar o que sucedeu”. Para o voceiro de En Marea este espectáculo de escapismo por parte dos responsables políticos ten unhas vítimas claras: “todas as persoas damnificadas que aínda se están recuperando das lesións e que non saben a quen reclamar”. Engade Villares que “en segundo lugar ten como vítimas a toda a sociedade que vemos que diante dun suceso destas características as administracións non se poden a traballar para aclarar o sucedido e para evitar que se volva a repetir”.

Por todos estes motivos o voceiro de En Marea considera que é necesaria unha comisión “independente e rigorosa” que aclare todo o que os responsables institucionais non queren explicarlle á cidadanía. Luís Villares considera que o lugar natural para realizar esta comisión é o Parlamento de Galicia e que os tres obxectivos para esta comisión investigadora son “buscar a verdade do sucedido, aclarar as competencias de cada administración e depurar as responsabilidades”. Villares explica que estes tres obxectivos teñen como finalidade última “poñer en marcha as reformas necesarias para evitar que este feito ou outro similar poida volver a suceder”.

Para Villares o Parlamento de Galicia “é a institución idónea para investigar o que sucedeu ese noite porque o afundimento sucedeu nun espazo público e nun evento tamén público”. O voceiro de En Marea engade que “unha investigación estritamente xudicial non serve para solucionar os problemas porque aínda que declare quen son os responsables deste caso non vai solucionar as eivas de cara ao futuro no resto de situacións similares que se puideran dar noutros portos ou noutros eventos públicos”. Luís Villares explica que unha comisión parlamentaria “pode fixar as bases para aclarar competencias, asunción de responsabilidades e, sobre todo, para evitar que isto se poida repetir no futuro”. Para cumprir con estas intencións En Marea convidará ao resto dos grupos parlamentarios a “sumarse a esta iniciativa que entendemos que é boa para o conxunto dos intereses de Galicia”.