En Marea propón unha Lei para protexer ao sector primario galego do abuso das grandes distribuidoras e das grandes superficies comerciais

En Marea condena unha vez máis os asasinatos machistas que non son máis que a punta do iceberg dun sistema patriarcal que lexitima unha supremacía do home sobre a muller.
Publicado por o día 10/02/2020 na sección de En Marea,Política

En Marea propón unha Lei para protexer ao sector primario galego do abuso das grandes distribuidoras e das grandes superficies comerciais

O voceiro de En Marea, Luís Villares, o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, e a Presidenta do Sindicato Labrego Galego (Isabel Vilalba) presentaron esta mañá no Parlamento Galego unha Proposición de Lei para garantir un sector primario galego potente e mellorar a vida dos nosos produtores. Para iso é necesario falar dos do prezo que se lles paga aos agricultores polo seu traballo e de quen intervén á hora de establecelos: “falamos de como as grandes superficies inciden negativamente nos prezos que se pagan aos produtores para que despois os teñamos a determinados prezos na mesa. Este asunto debe marca a axenda política en Galicia” recoñecía Luís Villares.

A presentación da iniciativa chega despois de xuntarse co Sindicato Labreiro Galego e atender as demandas da parte máis débil dun modelo de produción irrespectuoso cos dereitos laborais e co noso medio. Así o relataba Isabel Vilalba, a súa presidenta, ao referirse ao papel determinante da distribución de alimentos e das cadeas alimentarias na situación do sector primario: “É moi visible como na cadea de valor as persoas produtoras non teñen ningún tipo de garantía de ter ingresos polo seu traballo, tendo que vender moitas veces por debaixo do prezo de produción. É preocupante a dinámica na que tres grandes compañías concentran máis do 35% da distribución dos alimentos no Estado”.

A primeira distribuidora do Estado ten unha facturación actual de máis de 20 mil millón de euros, sirva como exemplo que este ano a Xunta de Galicia cando presentaba os orzamentos presumía de superar a barreira dos 10 millóns de euros. Pero esta enorme cota de mercado non se limita soamente a incidir nos prezos, tamén determina que tipo de alimentos chegan ás mesas da cidadanía galega. As distribuidoras esixen grandes producións e deixan fóra a pequena e mediana agricultura que non é capaz de ter esas grandes cantidades de produción que proveñen do modelo industrial e que moitas veces proceden de milleiros de km de distancia de Galicia.

A cantidade de km media dun produto de importación é de máis de 3000 km de media, isto é como se os alimentos viñeran desde Finlandia, e, como solicita Isabel, merece moita máis importancia da que recibe: “isto temos que englobalo no debate actual de cambio climático, das emisións. Nós cremos que isto é un erro, pois é a pequena e mediana agricultura a que é capaz de poñer alimentos de calidade nas mesas. Hai que apoiar modelos que impulsen estes modelos e que coiden o noso medio”.

En Marea presenta esta proposición de Lei para corrixir un modelo inxusto social, territorial e economicamente. Un modelo que, como aseguraba Davide Rodríguez, trae unha perda de poder adquisitivo no sector primario galego, un problema ecolóxico, tanto na produción como no transporte, e unha peor calidade no produto: “queremos visibilizar o problema e intentar dar solucións aos problemas en base a estes tres termos, protexer o medio, producir e consumir local e condicións sanitarias dignas para os produtos que consumimos”.

Davide cuestionou o papel pasivo dunha Xunta de Galicia non fai nada para remediar esta situación, senón que incluso afonda na inxustiza: “temos un problema de acceso á terra. As grandes pasteiras como ENCE son agasalladas con terreos con vocación agrogandeira para producir eucalipto para pasta de papel e, porén, as labregas e as gandeiras do noso país non gozan do mesmo privilexio para facer un produto accesible e de calidade que deixe un beneficio económico e social nos nosos concellos.

En Marea quere facer un enfoque desde o punto de vista económico no que é preciso incidir para transitar cara un modelo sostible desde o punto de vista social e ambiental. Villares explicou unha proposta de Lei baseada en tres grandes pilares.

O primeiro paso sería unha revisión da política arancelaria en clave social e ambiental,  gravando os produtos tendo en conta o percorrido que teñen que facer ata chegar a nosa mesa e as condicións de produción nos seus países de orixe: non podemos ter unha boa mesa a conta de manter condicións de semiescravitude no lugar de orixe.”

En segundo lugar o establecemento dunha moratoria para impedir nun prazo de 20 anos a construción de grandes superficies no noso país: “cómpre lembrar que Galicia ten máis densidade de centros comerciais que a media española”.

E por último, Villares solicitou un imposto ás grandes superficies que operan xa no noso país, para protexer o mediano comercio e o noso medio, “un imposto xa existente noutras comunidades autónomas. O aumento na recadación pola súa implementación permite reinvestir á hora de apoiar o pequeno comercio e a produción local”

UNHA FIRME CONDENA SOCIAL, POLÍTICA E INSTITUCIONAL CONTRA O MACHISMO

Na comparecencia ordinaria deste luns Villares volveu lamentar os asasinatos machistas e a solicitar todos os medios posibles para rematar co patriarcado:

“Se as falecidas das últimas 48 horas no Estado fosen vítimas do coronavirus estarían abrindo todas as portadas de todos os medios de comunicación, pero faleceron foron dúas mulleres vítimas de violencia machista. Estamos tan acostumados a este tipo de noticias que cada vez nos conmoven menos.

Desde En Marea queremos manifestar a nosa condena rotunda unha vez máis a uns asasinatos machistas que non son máis que a punta do iceberg dun sistema patriarcal que lexitima unha supremacía do home sobre a muller polo simplemente de selo. Queremos chamar a atención sobre a necesidade de deslexitimar politicamente as opcións políticas que negan a existencia do machismo e do patriarcado, esas forzas políticas coas que actualmente está pactando o Partido Popular branqueando social, política e institucionalmente algo que nunca debería ter lugar.”

Comentar noticia

Your email address will not be published.