En Marea propón unha moratoria de dez anos á implantación de novas grandes superficies comerciais

Aposta por impulsar o pequeno comercio e os produtos de proximidade mediante unha reforma da Lei de Contratos do sector público
Publicado por o día 21/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea propón unha moratoria de dez anos á implantación de novas grandes superficies comerciais

En Marea comprométese a levar ao Congreso dos deputados unha batería de medidas para potenciar e favorecer o comercio de proximidade e os produtos locais e ecolóxicos. Dende a feira de Padrón, Luís Villares puxo en valor os modelos de produción xustos, que favorecen o desenvolvemento das economías locais e permiten coñecer quen é o que produce e a calidade dos produtos.

“Desde En Marea apostamos decididamente pola promoción e protección do comercio de proximidade, do comecio local, ecolóxico e do comercio xusto”. Son palabras do voceiro da formación, que anuncia a súa intención de levar ao Congreso dos deputados, despois do 28A, unha moratoria por dez anos para a implantación de novas grandes superficies comerciais en Galicia.

A aposta de En Marea pasa por medidas que favorezan e impulsen o pequeno comercio e aos produtores locais. Algo que a formación aspira a conseguir tamén mediante unha reforma da Lei de Contratos do sector público que outorgue preferencia absoluta aos produtos locais, de proximidade e producidos de xeito xusto e ecolóxico.

As propostas de En Marea tamén contemplan unha reforma da Lei de Establecementos comerciais que remate cos horarios desregulados das grandes superficies cos que o pequeno comercio non pode competir. “É necesario dar ese apoio ao pequeno comercio”, reivindica Luís Villares.

Goberno de progreso para Galicia

O voceiro de En Marea tamén falou este domingo das enquisas electorais máis recentes. “As enquistas están amosando que En Marea pode ser unha forza decisiva para a conformación dun novo goberno. Sabemos que para conseguir unha maioria progresista no Congreso é necesario apostar por En Marea. O PSOE xa dijo claramente que podería gobernar con Ciudadanos, e as galegas e galegos que apostan por un goberno progresista non é iso o que queren. Ademais, fronte a outras forzas políticas que tardaron en reaccionar fronte ao goberno en minoría de Mariano Rajoy, nós garantimos a investidura, dende o primeiro día, dun goberno progresista. A opción de En Marea é a opción que garante un goberno progresista en clave galega dende o primeiro día”, asevera Luís Villares.