En Marea proporá unha Lei de Renda Social que supere a actual Risga para loitar contra a pobreza e a exclusión

Paula Verao defendeu que é necesario substituír o modelo asistencialista desenvolvendo os servizos sociais comunitarios tras unha xuntanza con EAPN Galicia
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea proporá unha Lei de Renda Social que supere a actual Risga para loitar contra a pobreza e a exclusión

En Marea proporá proximamente no Parlamento de Galicia unha Lei de Renda Social que supere a actual Risga para loitar contra a pobreza e a exclusión. Así o avanzou a deputada Paula Verao despois de manter unha xuntanza con responsables de EAPN Galicia – Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión, na que tamén participou a responsable de Municipalismo de En Marea, Ana Seijas.

Neste encontro EAPN trasladou as ideas que considera fundamentais para que as forzas políticas as incorporen nos seus programas de cara ás eleccións municipais. Para Paula Verao, estas propostas “deben ir acompañadas de políticas autonómicas que desenvolvan plenamente as competencias que ten a Xunta en asistencia social”. De aí a proposta que levará En Marea ao Pleno, xa que “o decreto que desenvolve a Risga chega cinco anos tarde, e aínda que mellorou aspectos que eran unha demanda dos colectivos que loitan contra a pobreza, esixe un maior esforzo orzamentario. Presentaremos esta Lei de Renda Social porque o emprego a día de hoxe non garante a inclusión social. Estas prestacións teñen que estar dirixidas tamén ás persoas que sofren a precariedade do emprego”.

A nivel local, Verao afirmou que “temos avanzado algúns eixos prioritarios a nivel local, como o desenvolvemento de rendas de garantía de ingresos en concellos grandes, como xa se fai nalgúns, e unificación de axudas sociais nos pequenos para eliminar a burocracia e facilitar o acceso”. Ademais, en coincidencia coas propostas de EAPN, avogou polo “desenvolvemento de tarxetas solidarias, superando os sistemas asistencialistas. Nós apostamos por modelos diferentes e EAPN trasladounos a necesidade de desenvolver os servizos sociais comunitarios”. Para acadar estes obxectivos, sinalou que é necesario que “os concellos usen o superávit para o gasto social e aumentar o investimento. A Xunta debe aumentar tamén orzamentos en políticas sociais. E para ter máis recursos, tamén compete ao Estado derrogar as leis que o impiden”.

A deputada de En Marea asegurou que tamén é esencial loita contra a exclusión da vivenda, así como un plan urxente de accesibilidade. “Non é de recibo que non estean adaptados todos os espazos públicos cando debían estalo dende 2017, e siga habendo persoas atrapadas que non poidan acceder a todos os servizos públicos en pé de igualdade. Demandaremos fondos específicos para accesibilidade en todos os concellos”. Como exemplo citou un caso de Abadín, onde unha muller en cadeira de rodas non pode saír da casa por unha obra con excesivo desnivel.

Paula Verao indicou ademais que “concordamos con EAPN na súa preocupación polo discurso de odio nas campañas en curso. Debe evitarse a súa normalización, concretamente contra as persoas en risco de pobreza, pero tamén contra todos os colectivos en situación de vulnerabilidade social. Fronte ao discurso de odio, estamos do lado da democracia, dos dereitos e da xustiza social”.

Pola súa banda, Ana Seijas amosou a disposición de En Marea “a reunirnos con todos os colectivos que loitan contra a pobreza. Tendemos a man, temos as portas abertas para axudar a mellorar as vidas das persoas”. Do mesmo xeito destacou a contribución de EAPN ao banco de ideas cooperativo para trasladar ás eleccións municipais e que todas as candidaturas do espazo político as incorporen nos seus programas”. A responsable de municipalismo concluíu apuntando que “é moi gratificante a coincidencia con EAPN nas liñas de traballo e as propostas que queremos desenvolver en todas as institucións”.