En Marea reclama a inmediata retirada da planta de Ence da ría de Pontevedra

A formación pide a derogación da prórroga concedida “de xeito escurantista e fraudulento” á empresa papeleira polo goberno de Mariano Rajoy
Por o 11/06/2018 | Sección: En Marea,Política
En Marea reclama a inmediata retirada da planta de Ence da ría de Pontevedra

En Marea reclama a inmediata retirada da planta de Ence da ría de Pontevedra. A formación apoiará a manifestación convocada para a vindeira fin de semana para esixir a paralización da prórroga concedida polo goberno central de Mariano Rajoy “de forma fraudulenta e escurantista, cando non se daban as circunstancias necesarias para elo”. “Pensamos que o futuro da ría de Pontevedra non pode quedar condicionado por dúas xeracións máis”, afirma Luís Villares; moi crítico co feito de que a empresa papeleira se teña convertido “nunha axencia de colocación de ex cargos do Partido Popular. Estamos ante un novo caso de portas xiratorias e corrupción”, afirma o voceiro do partido.

Luís Villares valora de xeito positivo o proceso de mobilizacións no que a sociedade galega está a participar de xeito masivo nestes días. E é que a convocatoria contra Ence chega unha semana despois da masiva manifestación contra a ampliación da mina de Touro-O Pino vivida na capital galega. O voceiro fai unha lectura esperanzadora tanto destas dúas protestas como da protagonizada o sábado polos veciños de Tui afectados pola explosión dunha pirotecnia ilegal. E é que, se ben “as mobilizacións nacen do descontento da poboación” son tamén a vía para conseguir a recuperación dos dereitos mermados ou expoliados.

Se o PP non para a mina, Galiza parará ao PP

“Os gobernantes que fan ouvidos xordos ás demandas da poboación non poden seguir gobernando. A xente non quere que se xogue coa súa vida, coa súa auga, co seu pan, co seu medio de vida. E iso é o que está facendo o PP. Non imos permitir que Feijóo nos envelene. Se o último que vai facer antes de marchar a Madrid vai ser envelenar a conca do Ulla e a ría de Arousa, debera dimitir xa”. Así explica o voceiro de En Marea a postura da formación respecto á mina de Touro-O Pino. “Hai informes que demostran a existencia de contaminación nas augas procedentes da mina, só a situación actual deberá servir por si mesma para dar carpetazo ao novo proxecto”, asegura Villares, que afirma que “habendo un rexeitamento cidadán tan grande non temos dúbida de que habría que impedir a recepción da mina de Touro. Hai argumentos legais de sobra. E se o PP non para a mina, Galiza parará ao PP”.

Declaración de zona catastrófica e cobertura total para Paramos

No que respecta á protesta protagonizada o sábado pola tarde polos veciños de Tui, Villares lamenta que, pasados quince días, a Xunta de Galicia non teña sido capaz de artellar un decreto de axudas suficiente para cubrir as necesidades dos veciños da zona devastada. Igual que xa fixo a semana pasada durante a sesión de control parlamentario ao goberno, o voceiro de En Marea volveu reclamar a declaración de zona catastrófica para Paramos e a posta en marcha dun plan de atención psicolóxica para os afectados. Tamén indemnización que cubran o 100% do valor das vivendas. “Hai 31 casas desaparecidas pola deflagración, como se fose unha guerra, e esa xente non vai ter dereito a máis que o 75% do prezo da vivenda? Ademais de perdelo todo van ter que poñer diñeiro para volver ter casas?”, lamenta Luís Villares.

O voceiro lembra ademais que numerosas persoas están sendo derivadas dende o centro de saúde da localidade ao Hospital Álvaro Cunqueiro  “con cadros que enmascaran situacións de ansiedade. Levamos quince días así. Tan difícil é establecer un plan de atención especializada de carácter psicolóxico? Por que a Consellería de Sanidade non o fai, se é algo que demandan as vítimas?”, pregúntase Villares; que apela tamén á colaboración interadministrativa para solventar a penosa situación na que se atopa a veciñanza de Paramos. “As administracións teñe que ser responsables e prestar atención. O que non pode ser é o espectáculo que estamos vivindo estas semanas.Ten que haber unha recuperación modélica da zona de Paramos para unha rehabilitación integral no ámbito urbanístico, e tamén no social. Houbo moitas familias que quedaron afectadas, nenos orfos, problemas como a imposibilidade de moverse para ir ao traballo porque resultaron danados máis de 200 coches, todos en sinistro total. Ese tipo de cousas hainas que atender, e as administracións non están cumprindo co seu traballo”, remarca o voceiro de En Marea.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.