En Marea reclama á Xunta que actúe para acabar coa “desastrosa situación” dos GES

Entre as actuacións propostas está a inclusión da AGESGA na comisión de seguimento, modificar a Lei de Emerxencias de Galicia para definir as funcións deste colectivo e afastar o servizo da dependencia das alcaldías
Publicado por o día 08/11/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea reclama á Xunta que actúe para acabar coa “desastrosa situación” dos GES

O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar unha batería de iniciativas nas que se demandan melloras para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais para poñer fin á “desastrosa situación” na que se atopa este colectivo no noso país. Os GES creadas en 2013 para cubrir a rede de emerxencias de Galicia, pois había zonas de sombra, onde os parques de bombeiros non chegaban a dar cobertura, cunha concepción como servizo municipal “ao servizo das alcaldías, como demostran as competencias definidas no convenio da súa creación, os procesos selectivos establecidos, un financiamento incomprensible e unha distribución territorial cuestionable nalgúns casos” como sinalan desde En Marea.

Dada a precaria situación do servizo, o grupo parlamentario rexistrou iniciativas instando á Xunta a incluír á Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA) na Comisión de Seguemento, para garantir un seguemento obxectivo e rigoroso do cumprimento das cláusulas estipuladas no convenio de colaboración, modificar a Lei de Emerxencias de Galicia definindo de xeito claro e preciso as funcións encomendadas a estes profesionais e a afastar o servizo da dependencia inmediata das alcaldías, encomendándoos ás Deputacións ou Consorcios Provinciais.

En Marea insta ademais a dotar ao persoal dos GES do material adecuado e suficiente para a realización das súas funcións en condicións de seguridade, así como a establecer un procedemento claro de control e fiscalización dos recursos adquiridos con fondos públicos, evitando situacións de malversación de fondos públicos.

“É esencial establecer un modelo de emerxencias, profesional e estable, que sexa quen de aportar cobertura ao cen por cen do territorio galego, nun tempo de resposta razoable, para o que é esencial rescatar o carácter público dos medios de emerxencias, para así exercer a xestión directa e conseguir a precisa integración funcional dos mesmos, favorecendo a implementación efectiva do Mapa de Emerxencias de Galicia, garantindo a prestación dun servizo público de calidade” defendeu o voceiro de En Marea, Luís Villares.