En Marea reclama actuacións inmediatas de Xunta e Estado en relación a aprobación da inclusión da conexión Vigo-Porto na rede do Corredor Atlántico

En Marea insta ao Goberno galego a comezar de inmediato os traballos de elaboración dun Plan Estratéxico para a mellora da conexión ferroviaria con Portugal e esixe ao Goberno estatal compromiso co financiamento e posta en marcha de dito plan.
Publicado por o día 30/11/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea reclama actuacións inmediatas de Xunta e Estado en relación a aprobación da inclusión da conexión Vigo-Porto na rede do Corredor Atlántico

O grupo de En Marea considera necesario que a boa nova producida no Parlamento europeo que significou a aprobación dentro da Comisión de Transportes da inclusión da conexión Vigo-Porto na rede básica do Corredor Atlántico veña acompañada de actuacións urxentes do Goberno galego en coordinación co Goberno do Estado español como demandou o vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez.

Si ben ata de agora a Xunta de Galiza estivo ausente como goberno neste asunto, sin aportar nin unha actuación neste senso, agora debe actuar para aproveitar o horizonte que se abre na vertebración das relacións entre Galiza e Portugal.

A oportunidade que suporá que a conexión ferroviaria para mercadorías entre Galiza e Portugal forme parte da Rede básica Transeuropea de Transporte é o feito de acceder a liñas de financiamento para levar a cabo actuacións de modernización, modificacións e/ou optimización na liña ferroviaria e as conexións entre os portos galegos de interese xeral, por exemplo.

A inclusión desta conexión dentro da rede básica do corredor atlántico da Rede Transeuropea deberá de vir acompañada de accións concretas dos gobernos galego e español para propor un plan estratéxico de actuacións para aproveitar o financiamento para lograr obxectivos como a imprescindible conexión ferroviaria dos portos galegos, que xunto cunha política portuaria coordinada incrementará a súa competitividade, a modernización da conexión de Galiza e Portugal e o desenvolvemento global do eixo atlántico que abrirá oportunidades ata o de agora impracticables para Galiza de conexión co sur da Península sin a obrigatoriedade de pasar por Madrid, abandonando un modelo radial ineficiente para as prioridades e a situación propia do noso país.

Dende En Marea instan á Xunta de Galiza a que de inmediato se comecen os traballos de elaboración dun Plan Estratéxico de infraestructuras do Eixo Atlántico, e esixiremos ao Goberno do Estado compromiso co financiamento e posta en marcha de dito plan.

En dito plan estratéxico, a rede ferroviaria e a súa estratexia de desenvolvemento, en perspectiva CEF (Mecanismo Conectar Europa), deberá ter os seguintes eixos. En primeiro lugar a rede básica e a súa relación e inserción cos subcorredores. Segundo, a configuración da malla interna, que inclúe a rede interior. Por último, a inserción de todo elo no sistema integrado de outras infraestruturas de transporte e dentro delas, fundamentalmente, as intermodais e os accesos aos portos exteriores.

Antón Sánchez explicou que se debera contemplar en dito plan dun xeito xerarquizado, entre outras cuestións, a mellora da liña Vigo-Porto, a mellora da conexión da rede de portos, pero tamén a mellora e ampliación da conexión ferroviaria no Porto de Vigo, a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña e Ferrol e as intermodais de ditas cidades.

E nese sistema integrado da rede de transporte é fundamental que a Xunta e PP abandonen intereses de parte, electorais, e aceleren prazos e actuacións para a execución de proxectos que, como a Intermodal da Coruña, son básicas para o funcionamento de dita rede e a sua conexión cos corredores. Unha intermodalidade que tamén é un dos eixos básicos da rede transeuropea de transporte.

Do mesmo xeito será preciso integrar unha serie de actuacións en Vigo como a conexión ao peirao de Bouzas, e a intermodalidade que teña en conta cercanías e posibilidades como a dun metro lixeiro no futuro.

En definitiva dende En Marea rexistraremos iniciativas para qu a Xunta de Galicia e demais administracións fagan os seus deberes para aproveitar a oportunidade histórica de potenciar as relacións económicas, sociais e culturais con Portugal.

Comentar noticia

Your email address will not be published.