En Marea reclama ao Sergas máis medios humanos para o PAC de Vigo logo do traslado improvisado dun facultativo a Moaña nesta fin de semana

A deputada Flora Miranda esíxelle á Xunta responsabilidade e que deixe de mover facultativos como se fosen fichas de xadrez
Por o 11/03/2019 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Vigo
En Marea reclama ao Sergas máis medios humanos para o PAC de Vigo logo do traslado improvisado dun facultativo a Moaña nesta fin de semana
Compartir en:

En Marea propón un plan de atención primaria que garanta que situacións coma as que sofre o PAC de Vigo, situado no antigo hospital Xeral, e o único dispositivo de urxencia extrahospitalaria co que conta a cidade, non se volvan repetir. Por cuarta vez no que vai de ano, e unha vez máis en fin de semana, quedou cun médico menos, pois o Sergas trasladou a un dos seus  catro facultativos ao municipio de Moaña sen cubrir o posto do centro sanitario vigués.

Para a deputada de En Marea, Flora Miranda, esta situación é intolerable e pon en risco a asistencia dos case 300.000 habitantes da cidade e máis os visitantes que acoden aos servizos de urxencia extrahospitalaria. “O persoal sanitario a día de hoxe saben en que centro comezan a garda pero nunca en cal a rematan, cunha tensión engadida para unha profesión xa de por si estresante”. O PAC de Vigo quedou dende as 15h do sábado ata as 8h do domingo cun efectivo menos. “Con só tres médicos atentendo o centro sanitario e outro saíndo a urxencias en domicilios non se pode atender con dignidade á cidade máis poboada do país”.

Miranda cualifica a situación da falta de médicos na área de Vigo de extrema gravidade e considera que a Xunta debe corrixir de inmediato as súas políticas de cobertura de gardas movendo facultativos coma se fosen “pezas de xadrez”, reducindo o plantel do PAC de Vigo para cubrir ausencias noutro municipio.

Para a parlamentaria de En Marea “a política de recortes continua do goberno de Feijóo está obrigando aos profesionais sanitarios a traballar ao límite en moitas ocasións e cruzando os dedos para que a falta de médicos nun turno non derive en peores consecuencias, un risco que nin o persoal sanitario nin a poboación da cidade de Vigo ten por que asumir. “

Comentar noticia

Your email address will not be published.