O voceiro de En Marea, Luís Villares, valorou esta mañá os resultados electorais “coa lexitimidade de ter adoptado a decisión de non concorrer puntualmente a estas eleccións para evitar un fraccionamento do voto progresista galego que puidese propiciar o avance das dereitas en Galicia”.
Villares comezou chamando ás forzas políticas galegas a comprometerse de xeito inmediato coa formación dun novo goberno no Estado e desterrando a posibilidade dunhas terceiras eleccións, un chamamento dirixido a todas as forzas progresistas galegas con representación no Estado, dirixido especialmente a Caballero e a Sánchez que “deben decidir inequivocamente en que bando xogan, se no do progreso social ou no do tacticismo partidario que fai avanzar a extrema dereita”.
O voceiro salientou tamén o avance da extrema dereita, “un castigo a soberbia política” das forzas e dos líderes que pensaron antes nos intereses particulares que no benestar das persoas: “agardamos que este aviso fose suficiente para recuperar a humildade e altura de miras que calquera partido de esquerdas debería ter”.
Por último, no tocante as eleccións a nivel estatal, destacou a evidencia da plurinacionalidade do Estado é unha realidade sociolóxica e electoral: “existe e ten un reflexo electoral claro e a gobernabilidade progresista pasa polo recoñecemento desa realidade democrática para ampliar as liberdades individuais e recuperar dereitos sociais. As forzas representativas desa plurinacionalidade son clave para o progreso social e democrático do conxunto do Estado, e os partidos estatais deben asumir e normalizar esa situación á maior brevidade posible, para desbloquear a situación actual”.
En canto a realidade da situación política galega, Villares destacou que a análise da situación feita por En Marea foi correcta e que a “dolorosa, pero xenerosa, valente e responsable” decisión de non presentarse puntualmente a estas eleccións “foi determinante, seguramente da ampliación da victoria progresista por número de escanos en Galicia.
É loxico pensar que o aumento da abstención entre o electorado progresista denota un descontento coa oferta partidaria, e “debe facernos reflexionar sobre a conveniente presenza unitaria dende a diversidade, idea e vontade que a cidadanía premia cando se lle presenta, como sucedeu no seu momento co xurdimento da Marea e que era precisamente o que formulamos meses atrás coa candidatura progresista galega”.
Do mesmo xeito é totalmente apreciable que o Partido Popular volveu converterse en primeira forza política de Galicia, aglutinando o voto conservador, polo que En Marea quere emprazar a todas as forzas progresistas galegas a unha reflexión honesta para “construír unha alternativa capaz de derrotar a Feijoo e abrir unha primavera social e galeguista en 2020, que atenda ás emerxencias feminista, ambiental e social que vive o noso país. Nós dende EM xa demostramos altura de miras e saber actuar con responsabilidade. Así o seguiremos facendo. Agora esperamos das demais forzas progresistas que fagan o mesmo”.
SOBRE O DESBLOQUEO DAS CONTAS AUTONÓMICAS EN SITUACIÓN DE GOBERNO EN FUNCIÓNS.
En Marea abrirá mañá a sesión plenaria do Parlamento Galego cunha Proposición de Lei onde se postula a modificación da Lei do Goberno de España para permitir que un goberno en funcións tome as disposicións normativas necesarias para que o réxime económico das comunidades autónomas funcione con normalidade.
Villares lamentou que a situación de goberno en funcións sexa cada vez máis frecuente: vímolo nos últimos catro anos e quen sabe o que nos queda por ver” e por iso, “porque o Estado das Autonomías non pode estar hipotecado a que haxa un goberno no Estado” e rematou explicando que é unha proposta neutra e que agarda o apoio do resto de grupos porque é “ a solución de En Marea é boa para todos. Somos a primeira forza política nacional que presenta negro sobre branco unha iniciativa lexislativa para resolver este problema. Unha proposta responsable e pensando no ben común, para sacar o financiamento dos servizos públicos, que garanten dereitos, da chantaxe da repetición electoral”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.