En Marea reclama medios e persoal suficiente para que os Puntos de Encontro Familiar funcionen os 365 días do ano

A formación tamén solicita a reubicación do de Vigo, que pola súa situación provoca inseguridade, especialmente ás vítimas de violencia machista
Publicado por o día 04/09/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea reclama medios e persoal suficiente para que os Puntos de Encontro Familiar funcionen os 365 días do ano

En Marea insta á Xunta a garantir medios e persoal suficientes para que os Puntos de Encontro Familiar poidan manterse en funcionalmente de xeito continuado durante todo o ano. A deputada Paula Quinteiro levará ao Parlamento de Galicia a problemática dun servizo que está a funcionar en condicións de precariedade. E que en cidades como Lugo ou Vigo deixou de prestarse durante o verán. Ademais, a formación faise eco das queixas das usuarias relacionadas coa mala ubicación do PEF de Vigo, que se atopa moi mal comunicado por transporte público, e cuxos accesos ao centro da cidade son por rúas estreitas. Unha situación que pode incrementar a inseguridade nos casos de vítima de violencia machista, que corren o risco de atoparse co seu maltratador.

En Marea ven de rexistrar unha serie de iniciativas que serán debatidas no Parlamento de Galicia no inicio deste novo período de sesións. “Entendemos que os Puntos de Encontro Familiar deben estar abertos os 365 días do ano. É totalmente inadmisible que recursos coma este pechen, e cremos que a Xunta debe facer unha avaliación de como están funcionando”, explica Paula Quinteiro.

O grupo parlamentario de En Marea ten constatado que moitos dos Puntos de Encontro Familiar existentes en Galicia non contan con persoal suficiente, co que os profesionais que traballan neles están a facelo nunha situación de precariedade”. Ademais, esas carencias están a provocar a existencia de listas de agarda. “Non é admisible que sexa así, e a Xunta debera facer todo o posible para que todos os puntos teñan recursos e persoal suficiente”, incide a deputada. Que se encargará de que as reclamacións que lle teñen feito chegar os propios traballadores deste servizo sexan abordadas na Cámara galega.

Aínda que o obxectivo deste servizo é favorecer o cumprimento do réxime de visitas como dereito fundamental das fillas e dos fillos para manter a relación con ambas as persoas proxenitoras despois da súa separación, este verán o PEF de Vigo pechou durante dúas semanas: do 13 ao 26 de agosto, debido á falta de persoal para cubrir as vacacións das traballadoras. Unha situación que, tal e como explica a deputada de En Marea, tamén se deu no punto de encontro familiar de Lugo.

En Marea entende que algo así non pode repetirse, pois os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social especializado imprescindible para o cumprimento do réxime de visitas, e que ten por obxecto favorecer a relación entre as e os menores e as súas familias cando nunha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar. “Non se ten en conta que é época de vacacións e os pais e nais necesitan máis aínda este servizo, polo que teñen que buscar alternativas con axuda da familia”, explica a deputada, que incide ademais no feito de que “en casos de condenas por violencia de xénero, isto implica situacións desagradables”.

O peche destas instalacións dependentes da Xunta supón un problema grave a un número importante de menores. Unicamente no caso vigués, o número de familias afectadas ascende aproximadamente ata as 200.