En Marea reclama o cese do conselleiro e do xerente da área sanitaria de Vigo polo maltrato aos seus profesionais

A formación esixe unha reforma estrutural que permita recuperar as áreas de xestión primaria con capacidade funcional e rematar coa precariedade; así como dedicar o 25% do orzamento sanitario á atención primaria
Publicado por o día 03/04/2019 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea reclama o cese do conselleiro e do xerente da área sanitaria de Vigo polo maltrato aos seus profesionais

En Marea esixirá no Parlamento o cese inmediato do conselleiro e do xerente da área sanitaria de Vigo polo maltrato continuo ao que veñen sometendo aos profesionais da sanidade. Unha situación que se deixa notar especialmente na nomeada área, cuxos traballadores denuncian coaccións e imposicións que supoñen graves ataques contra os seus dereitos laborais. E que, en última instancia, redundan nunha perda da calidade asistencial que reciben os pacientes.

Tras reunirse con representantes dos PACs en Pé de Guerra e do colectivo de Médicas Precarias, En Marea ven de constatar, unha vez máis, a nefasta e intolerable xestión que o goberno galego está a impulsar en materia sanitaria. A formación volverá levar ao Parlamento de Galicia as xustas demandas dunas profesionais que “denuncian coaccións á hora de establecer horarios e quedas de traballo que non son consensuadas. Falan de imposición, de xornadas abusivas que non permiten unha planificación laboral mínima nin conciliar a nivel persoal”, explica o voceiro, Luís Villares. Que destaca a especial gravidade de que a Xunta de Galicia estea amparando e promovendo prácticas que imposibilitan a conciliación familiar entre o seu funcionariado. “Estanse retrasando petición de reducción de xornada ou solicitudes de excelencias para coidado da familiar, feitos moi graves. Que clase de servizo público está prestando a Xunta cando maltrata deste xeito aos seus funcionarios?”, pregúntase o voceiro de En Marea.

Ante esta reiterada vulneración dos dereitos dos profesionais sanitarios, que tamén afecta ás súas vacacións, días de libre disposición ou libranzas por guardas, En Marea aboga por unha reforma estrutural. “Volveremos pedir no Parlamento de Galicia o reemprazo inmedadito do conselleiro de Sanidade e do xerente da área sanitaria de Vigo, porque non son aceptables as condicións ás que se está sometendo aos profesionais sanitarios”, anuncia Luís Villares, que explica o contido dunha moción que incidirá nos cinco  puntos propostos polos colectivos e que motivaron a folga.

A reclamación de En Marea pasa por adicar o 25% do orzamento sanitario á atención primaria; sentar as bases precisas para a fin da precariedade laboral do conxunto do persoal sanitario, con contratos dignos e estables e remuneracións dignas, e respectando os acordos vixentes desde 2008; e pola recuperación das áreas de xestión primaria con capacidade funcional e orzamentaria. “En definitiva: que se escoite aos profesionais, que non piden para eles senón para que toda a cidadanía conte cunha atención de calidade”.

O voceiro de en Marea destaca ademais que “o que se pretendía vender como un contrato para rematar cos precariedade é unha verdadeira fraude que está consolidando a idea dos mozos e mozas que rematan a carreira e que se ven obrigados a emigrar pola falta de oportunidades e condicións laborais dignas. Plantéxase unha forma de traballar que implica non coñecer aos pacientes e non poder facerlles seguimento, un factor especialmente lesivo. Os pacientes non son números, non son códigos de barras, e os profesionais queren atendelos como se merecen, como persoas, cuns tempos mínimos de 10 minutos cos que neste momento non conta, porque o xerente da área sanitaria de Vigo non o está permitindo”, asevera Luís Villares.