En Marea reclama o informe que supostamente avala a prohibición de falar no Parlamento da condena de corrupción ao PP pola trama Gürtel

A formación quere revisar o texto no que o presidente da Cámara se apoia para vetar no debate plenario a afirmación de que o Partido Popular está condenado por corrupción
Publicado por o día 11/06/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea reclama o informe que supostamente avala a prohibición de falar no Parlamento da condena de corrupción ao PP pola trama Gürtel

En Marea quere ter acceso ao informe encargado por Miguel Santalices que supostamente avala a prohibición do presidente do Parlamento de Galicia de facer referencia á condena por corrupción ao Partido Popular polo Caso Gürtel. Logo da controversia xerada na última sesión plenaria polo veto do presidente da Cámara ás críticas dos deputados en relación coa corrupción no PP, En Marea reclama o regulamento no que se apoiou ese veto. En Marea considera que tanto o informe como o veto resultante é unha estratexia máis do PP para negar a evidencia de que é un partido condenado por corrupción como proclamaron todos os medios de comunicación.

As deputadas Carmen Santos e Eva Solla veñen de solicitar por escrito o informe dos Servizos Xurídicos do Parlamento de Galicia relativo ás expresións que os membros da Cámara poden ou non empregar durante o transcurso das sesións en relación á sentenza da Gürtel. A tensión entre o presidente da Cámara e o grupo parlamentario de En Marea foi evidente no último pleno, cando Santalices tentou impedir que se falase do PP, a cuxas filas el mesmo pertence, como un partido corrupto.

A pesar da sentenza da Audiencia Nacional que ven dar proba da corrupción e o financiamento ilegal que sustentou a actividade do Partido Popular; e que motivou a histórica moción de censura que rematou co goberno de Mariano Rajoy; o presidente do Parlamento de Galicia tentou durante o pasado pleno coartar o debate sobre a Gürtel; e mesmo chegou a chamar á orde á deputada de En Marea Carmen Santos.

En Marea considera un despropósito a actitude do máximo responsable do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que pretende converter o parlamento nun espazo propagandístico do PP e non que se censure a realidade de condena ao PP como un partido corrupto. Un foro para o debate e a posta en común, que non pode ser alleo a uns feitos probados e avalados por unha sentenza xudicial.