En Marea reclama que as responsabilidades sobre o Marisquiño se esclarezan no Concello, no Parlamento e no Congreso

O voceiro Luís Villares e a deputada Alexandra Fernández reuníronse este luns coa Marea de Vigo para coordinar actuacións
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política,Vigo

En Marea reclama que as responsabilidades sobre o Marisquiño se esclarezan no Concello, no Parlamento e no Congreso

En Marea tentará que as responsabilidades sobre o acontecido no Marisquiño se esclarezan simultaneamente no Concello de Vigo, no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Representantes da formación reuníronse este luns na Cidade Olívica para trazar unha estratexia de acción conxunta que permita esclarecer o accidente e sentar as bases para que un suceso deste tipo non volva repetirse no futuro. O voceiro Luís Villares e a deputada no Congreso Alexandra Fernández participaron nunha xuntanza de traballo co voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez; que se traducirá na reclamación dunha nova comisión de investigación no consistorio vigués que ven sumarse á que a formación xa reclamou na Cámara Galega, así como ás comparecencias solicitadas no Congreso.

O voceiro de En Marea sinalou na rolda de prensa en Vigo que ten sentido que se pidan comisións de investigacións porque “investigar o que pasou é o que fan os xulgados, pero nos parlamentos temos a obriga de saber que se pode facer para evitar que volva a suceder”. Luís Villares apuntou tamén que hai “responsabilidades políticas que teñen que esclarecerse, e este é traballo dos parlamentos e dos parlamentarios”. Villares sinalou que precisamente porque as institucións “actuaron de maneira tan vergoñenta no caso do Marisquiño, desde En Marea estamos traballando coordinando os nosos distintos ámbitos para que as propostas sexan claras”.

No mesmo sentido, Villares criticou o negativa que PP e PSOE deron no Parlamento de Galicia a que se puxera en marcha a comisión de investigación “para taparse uns aos outros e deixar de lado as necesidades dos afectados”.

Villares apuntou na rolda que tanto Xunta como Concello de Vigo teñen responsabilidades na situación de inseguridade dos afectados do Marisquiño e están ofrecendo un “espectáculo vegoñento con ese botarse as culpas uns a outros sen cumprir coa súa obriga de darlle solucións á xente”.

Pola súa banda, a deputada Alexandra Fernández, indicou que “Vigo ten que facer unha reflexión sobre como se comporta o poder na cidade: dun xeito case feudal, deixando de lado por completo os intereses da xente”. A representante de En Marea no Congreso insistiu en que tanto o presidente da autoridade portuaria viguesa, López Veiga, como a presidenta de Portos do Estado, María Ornella, deben comparecer e dar explicacións no Congreso, tal e como xa solicitou En Marea.

“Cremos que en calquera institución onde exista normalidade democrática terían que ser os propios responsables os que, por vontade propia, desen explicacións. Como non están a propoñelo somos nós dende En Marea os que solicitamos estas comparecencias. Especialmente a de López Veiga, porque hai demasiados rumores da mala xestión dentro do porto e moitas queixas públicas a ese respecto. Tamén pola súa propia falta de rigor e polos cambios sistemáticos das versións que foi dando” sobre o acontecido, indicou a deputada de En Marea; que se amosou moi crítica co “pacto” ao que Autoridade Portuaria e Concello semellan ter chegado para focalizar toda a responsabilidade sobre a organización do festival. “O que nunca pode facer un presidente dunha Autoridade Porturia é tratar de salvar a súa cadeira e o seu posto a costa de pór en risco un festival tan importante para a cidade como é o Marisquiño”, indicou Alexandra Fernández, que denunciou que se estean a poñer en risco os intereses da cidade.

Pola súa banda, o voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, anunciou a petición dunha comisión de investigación tamén no Concello de Vigo. Solicitude que a formación realizará no pleno do vindeiro mércores. “Queremos saber se houbo incumprimentos”, indicou Pérez, que ve necesario analizar polo miúdo o Plan de Emerxencias e as pautas que marca a Lei de Espectáculos de Galicia para dilucidar os fallos que levaron ao afundimento que deixou máis de catrocentas persoas feridas.