En Marea reclama para Galicia un trato análogo ao recentemente concedido polo goberno central a Valencia, coa condonación de 350 millóns ao seu porto; e a reversión da “débeda histórica” que o executivo central mantén cos peiraos da Comunidade. O vicevoceiro Antón Sánchez defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para que o goberno de Pedro Sánchez poña fin ao trato desigual cos portos galegos e marque diferenzas atendendo por fin as necesidades postergadas das Autoridades Portuarias de Galicia. Unha actuación que pasaría pola condonación da débeda derivada da construción de Punta Langosteira; pero tamén polo impulso das conexión ferriviarias e outras infraestruturas pendentes necesarias para mellorar o funcionamento dos portos da Coruña, Ferrol e Vigo.
En relación coa situación da Autoridade Portuaria de A Coruña; e dada a sua especial relevancia tanto en termos de débeda como respecto ás opcións que se barallan para a súa amortización, e que pasan pola venda da fachada marítima da cidade; En Marea reclama un trato análogo ao concedido a Valencia: a condonación dos 200 millóns derivados da construción de Punta Langosteira, “ou, no seu caso, conceder as axudas económicas equivalentes ou as medidas procedentes que se acorden; conducentes, en calquera caso, á amortización efectiva e global de dito préstamo”.
En Marea ve necesario igualmente que o Ministerio de Fomento convoque no menor prazo a Comisión de Seguimento do Convenio de febreiro de 2004 co fin de negociar un protocolo de colaboración que, deixando sin efecto o de abril de 2018, teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004 e con ela o PXOM do 2013, sobre o fundamento e a definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade, baseado na titularidade e xestión pública dos terreos, na creación de equipamentos dotacionais e espacios libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios.
O vicevoceiro de En Marea chamou a atención sobre os cambios de parecer do Partido Popular. Que, a pesar de ser responsable directo do acordo para privatizar a fachada marítima da Coruña, co PSOE no goberno central súmase agora á petición de condonación.
“O Partido Popular, que se opuxera á condonación con unllas e dentes, parece que cambiou de opinión e agora apóiaa para erosionar ao Goberno do Estado. Con Mariano Rajoy como presidente non demostrou ningún interese en buscar unha solución que non fose a privatización e especulación cos terreos do porto”, lembrou Antón Sánchez. Que botou a vista atrás para lembrar que, “nestes anos, e con respecto á Coruña, o PP só acertou cando rectificou.Apoiou os convenios do 2004, apoiou a venda e privatización da Solana e do hotel Finisterre, co voto favorable de Beatriz Mato. E mediante a sinatura do protocolo da vergoña, asinado de costas á cidade, a enxenación e privatización dos terreos de San Diego”. O vicevoceiro de En Marea instou tamén ao PSOE a definirse e poñerse do lado da defensa do interese xeral.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.