En Marea reivindica con urxencia políticas que promovan a lingua e fagan posible vivir en galego

Insta ao goberno da Xunta a derrogar o Decreto do Plurilingüísmo que prohibe o ensino de asignaturas como as matemáticas, a física e a química en galego
Publicado por o día 14/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica con urxencia políticas que promovan a lingua e fagan posible vivir en galego

En Marea reivindica a necesidade de que as administracións asuman canto antes un compromiso activo e decidido coa lingua e promovan condicións que faciliten o emprego do galego no día a día, e en todos os ámbitos da vida. É a mensaxe que o voceiro, Luís Villares, transmitiu este martes tras reunirse coa vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Mónica Pazos, para falar da situación do galego e do Manifesto pola Pluralidade Lingüística que esa entidade promove xunto a outros colectivos do estado relacionados co uso do euskera, do catalán, do aragonés e do asturiano. Un manifesto que, tal e como explica a representante da Mesa, “defende a necesidade da pluralidade lingüística como garantía de liberdade, igualdade e democracia. E que pretende avanzar cara á igualdade entre as linguas oficiais do estado”.

Ás portas do Día das Letras Galegas, En Marea súmase á demanda da Mesa pola Normalización Lingüística para conseguir a igualdade entre todas as línguas oficiais do estado. “Non pode ser que exista unha que é obrigatorio coñecer, e outras que non”, denuncia Mónica Pazos. Que critica “unha situación que implica desigualdade, e que conleva que as linguas oficiais do estado que non son o castelán se atopen con moitas trabas e dificuldades para ser empregadas no día a día”.

Fronte a esa situación, o obxectivo de En Marea pasa por impulsar un entorno amable co galego, que facilite o seu uso diario e contribúa a frear o descenso de galegofalantes. Así o reivindica o voceiro, que lembra a recente iniciativa dun mestre, que ven de facerse viral en redes, e que conseguiu que a metade do alumnado do seu centro se animase a vivir en galego durante 48 horas, a pesar de non empregar esa lingua de xeito habitual. “Unha iniciativa que demostra a receptividade da sociedade cara ao galego. O que acontece é que temos un entorno institucional que non é favorable e que mesmo penaliza o seu uso”, denuncia Villares.

“É preciso garantir un entorno institucional amable para o galego, que se atopa en claro retroceso porque non existe un entorno que o agarime. Por iso queremos apoiar este manifesto e levalo a todas institucións nas que temos responsabilidades de goberno”, compromete o voceiro de En Marea. Que reivindica a necesidade dunha implicación real e efectiva co favorecemento do uso da lingua, tanto dende o goberno da Xunta de Galicia como dende os concellos.

O voceiro de En Marea destaca o feito de que “a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias estea a ser obxecto de constante incumprimento polas autoridades galegas e españolas”. E  denuncia a prohibición e empregar o galego para explicar as matemáticas, a química ou a física. “Unha anomalía democrática que estigmatiza a lingua. As rapazas e rapaces non teñen nada contra a lingua, o único que non teñen é un entorno amable que lles permita a anime a utlizala. Por iso queremos que as próximas elección sirvan para impulsar políticas lingüísticas transversais dende o ámbito municipal, relacionadas co ámbito económico, empresarial, cultural ou audiovisual”, anuncia Villares. Que se compromete a trasladar o manifesto a todas as Mareas municipais. E destaca a necesidade de que a cidadanía conte con oportunidades lingüísticas ligadas aos distintos ámbitos do día a día, e lembra as escasas facilidades que existen para cuestións como presentar a declaración da renda ou asinar un contrato en galego.

“Na sociedade galega vive a idea de empregar e promover a lingua. Pero falta que as administración se impliquen. E queremos pedirlle a Núñez Feijóo que derrogue o Decreto do Plurilingüismo que non permite ensinar as matemáticas, a química ou a física en galego. A democracia non é o espazo de prohibir, é o espazo de alentar. E a primeira liberdade a alentar debe ser a lingüística” remarca o voceiro de En Marea.

A formación fai un chamamento para que a cidadanía se implique e participe na convocatoria de Queremos Galego para o día 17. “Reivindicamos sumar liberdade para que todo o mundo poida exercer os seus dereitos lingüísticos. Algo que non pode acontecer sen un compromiso pleno por parte das administracións que se traduza en oportunidades e facilidades para que a nosa lingua podia ser empregada no día a día”.