En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como fonte de riqueza local

A candidata de En Marea-Compromiso por Europa comprométese a seguir apoiando as necesidades do agro galego e a impulsar a soberanía alimentaria dende Bruselas
Publicado por o día 11/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como fonte de riqueza local

En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como unha fonte de riqueza vital para as economías locais. É a mensaxe que a candidata de En Marea-Compromiso por Europa deixou na feira orgánica de Catro Ponlas, en Pontevedra, ata onde Lidia Senra e o voceiro Luís Villares se desprazamos acompañados polo tamén candidato pontevedrés ás europeas Xoán Hermida e por outros membros da formación.

O impulso dos produtores locais e do agro galego seguirá sendo unha das liñas prioritarias que en Marea defenda en Europa logo das eleccións do 26 de maio. Na véspera do Día internacional do Comercio Xusto, Lidia Senra reivindica un modelo de produción e comercialización “que está no marco da soberanía alimentaria, que promove os produtos locais, a produción local e o comercio de proximidade”.

A candidata de En Marea aos comicios europeos comprométese a seguir impulsando un tipo de produción que “no plano internacional permite que os produtores doutros países poidan producir a súa propia alimentación”. Un factor moi “importante, porque significa que non se importan produtos producidos na terra que se necesita para alimentar ás poboacións locais”. E que redunda na idea central de xustiza social que a formación pretende impulsar dende as institucións europeas, así como nos Concellos galegos, a partir do día 26.

A candidata puxo en valor un xeito de producir que leva aparellado o pagamento dun prezo xusto, unha remuneración axeitada aos produtores pola súa produción. “En definitiva, este é o modelo que temos que apoiar, e é preciso reivindicalo como base para que os labregos e labregas poidan vivir dignamente do seu traballo. Así como para potenciar o desenvolvemento local e crear riqueza local”, asevera Senra.

Na mesma liña se expresou o voceiro. Na presentación da candidatura local de Asamblea Cidadá de Bueu, Luís Villares destacou a necesidade de traballar para impulsar modelos de produción e comercio xustos, tanto a nivel municipal como internacional. “A aposta de En Marea é por unhas condicións laborais xustas aquí, no local, pero tamén no internacional. O comercio xusto significa apostar polo comercio de proximidade, poder mirar aos ollos a quen produce, saber de que forma se fan as cousas”, destaca Villares. Que pon en valor un modelo que, ademais, “evita a pegada ecolóxica que implica o transporte do produto desde outros lugares”.

O voceiro comprometeu os esforzos de En Marea dende as distintas institucións na defensa dos intereses das galegas e dos galegos. “Revindicamos condicións de carácter laboral que non impliquen explotación. Iso é esencial, é unha forma de entender a política, pero tamén a vida. Cando pedimos a derrogación das reformas laborais non queremos esa xustiza só para nós, senón para todo o mundo en calquera lugar do planeta. Para que a todo o mundo se lle pague o que merece polo seu traballo. Para que non haxa intermediarios, grandes empresas multinacionais que exploten lonxe para que nós teñamos produtos baratos”.

Luís Villares puxo o foco tamén nos sectores produtivos ligados ao mar. “O 26 de maio non só hai eleccións locais, tamén europeas. E xogámonos moito en Europa”, asevera o voceiro de En Marea, que lembra que as institucións europeas son, precisamente, o lugar onde se deciden moitas cuestión que afectan ao día a día de mariñeiros e mariscadores. “Non podemos permitir que sexan outras as que falen por nós. Por iso a candidatura de En Marea-Compromiso por Europa defenderá condicións laborais xustas tamén no ámbito da pesca. Temos dereito a traballar na nosa terra, na nosa ría, en condicións dignas e sen ter que emigrar”, reivindica Villares. Que aposta por modelos de explotación pesqueira e marisqueira como os impulsados polos traballadores do mar galegos. “Un modelo que non esquilma os recursos naturais. Un modelo que produce emprego e implica unha maior distribución da riqueza, un modelo non depredador de recursos. Cremos que ese é o modelo: o social e sustentable, un modelo de relación que garante condición dignas para todas e respetuoso cos recursos, e iso é o que imos defender en Europa”.

Tamén a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, reivindicou en Bueu políticas que garantan unha vida digna para toda a cidadanía. Na presentación da candidatura municipal que encabeza Xulio Villanueva, Seijas destacou a próxima cita electoral como “unha oportunidade de poñer ás persoas no centro das políticas, traballar a prol da xustiza social coa mirada posta no ben común. Para impulsar Concellos que atendan ás necesidades reais da poboación”.

Ana Seijas aseverou o compromiso de En Marea de impulsar políticas nas que sexa a veciñanza quen tome o mando do seu futuro. “O cambio é posible se existe vontade”, asevera a vicevoceira, que apela á necesidade dunha sociedade “inclusiva, igualitaria, democrática, participada, ecolóxica e que cre en si mesma. E nese camiño as mulleres temos moito que aportar, e o feminismo debe ter un protagonismo especial”.

Acto feminismo

A candidata de En Marea tamén se comprometeu este sábado a continuar traballando en Europa para impulsar a sociedade feminista na que a formación acredita. Lidia Senra, destaca a necesidade de que as formacións políticas se reafirmen “no compromiso para que se recoñezan plenamente os dereitos das mulleres. Non se pode falar de democracia cando a metade da poboación non ten recoñecidos os seus dereitos”, asevera a eurodeputada. Que se compromete a seguir impulsando iniciativas a prol da igualdade e contra a violencia machista e a recoller as reivindicacións e propostas dos colectivos de mulleres.