En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como fonte de riqueza local

A candidata de En Marea-Compromiso por Europa comprométese a seguir apoiando as necesidades do agro galego e a impulsar a soberanía alimentaria dende Bruselas
Publicado por o día 13/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como fonte de riqueza local

En Marea reivindica o comercio xusto e os produtos de proximidade como unha fonte de riqueza vital para as economías locais. É a mensaxe que a candidata de En Marea-Compromiso por Europa deixou na feira orgánica de Catro Ponlas, en Pontevedra, ata onde Lidia Senra e o voceiro Luís Villares se desprazamos acompañados polo tamén candidato pontevedrés ás europeas Xoán Hermida e por outros membros da formación.

O impulso dos produtores locais e do agro galego seguirá sendo unha das liñas prioritarias que en Marea defenda en Europa logo das eleccións do 26 de maio. Na véspera do Día internacional do Comercio Xusto, Lidia Senra reivindica un modelo de produción e comercialización “que está no marco da soberanía alimentaria, que promove os produtos locais, a produción local e o comercio de proximidade”.

A candidata de En Marea aos comicios europeos comprométese a seguir impulsando un tipo de produción que “no plano internacional permite que os produtores doutros países poidan producir a súa propia alimentación”. Un factor moi “importante, porque significa que non se importan produtos producidos na terra que se necesita para alimentar ás poboacións locais”. E que redunda na idea central de xustiza social que a formación pretende impulsar dende as institucións europeas, así como nos Concellos galegos, a partir do día 26.

A candidata puxo en valor un xeito de producir que leva aparellado o pagamento dun prezo xusto, unha remuneración axeitada aos produtores pola súa produción. “En definitiva, este é o modelo que temos que apoiar, e é preciso reivindicalo como base para que os labregos e labregas poidan vivir dignamente do seu traballo. Así como para potenciar o desenvolvemento local e crear riqueza local”, asevera Senra.

Acto feminismo

A candidata de En Marea tamén se comprometeu este sábado a continuar traballando en Europa para impulsar a sociedade feminista na que a formación acredita. Lidia Senra, destaca a necesidade de que as formacións políticas se reafirmen “no compromiso para que se recoñezan plenamente os dereitos das mulleres. Non se pode falar de democracia cando a metade da poboación non ten recoñecidos os seus dereitos”, asevera a eurodeputada. Que se compromete a seguir impulsando iniciativas a prol da igualdade e contra a violencia machista e a recoller as reivindicacións e propostas dos colectivos de mulleres.