En Marea reivindica plans municipais que suplan as carencias do rural en materia de transporte e garderías

Comprométese a incentivar a presión para conseguir que todas as vilas conten con conexión a internet que facilite o asentamento empresarial
Publicado por o día 12/05/2019 na sección de En Marea,Galicia,Política,Trives

En Marea reivindica plans municipais que suplan as carencias do rural en materia de transporte e garderías

En Marea aposta por impulsar plans municipais que suplan as carencias que afectan ao rural galego. A formación denuncia os problemas que a poboación de numerosas vilas e lugares padece cada día para poder desprazarse, traballar ou conciliar obrigas laborais e familia. E reivindica Concellos que se impliquen activamente para mellorar a calidade de vida da veciñanza e que compensen a falta de iniciativa da Xunta de Galicia a ese respecto.

O voceiro de En Marea desprazouse este domingo ata Trives e Manzaneda para conversar co candidato de Son de Trives-En Marea, Jorge Vázquez, e co alcalde e candidato á reelección de Son de Manzaneda-En Marea, Félix Domínguez. Acompañado polo candidato de En Marea-Compromiso por Europa, Davide Rodríguez, Luís Villares deixou en Ourense o firme compromiso da formación de traballar para mellorar a calidade de vida da veciñanza do rural.

En Marea denuncia o “fracasado Plan de transporte da Xunta” e as dificultades que a poboación debe enfrontar á hora de desprazarse. Ante esa situación, a formación aposta por impulsar plans de carácter municipal e comarcal que posibiliten unha mobilidade cómoda e áxil; comunicando as vilas coa cabeceira de comarca e os distintos lugares coa capital do Concello.

“Non é aceptable reivindicar o futuro do rural cando non existe acceso a internet”, critica o voceiro de En Marea. Que pon de relevo as dificultades que esta carencia supón á hora de favorecer o asentamento empresarial e impulsar alternativas laborais nos municipios do rural. “A falta de internet dificulta a apertura de negocios e a posibilidade dun futuro viable para as empresas nas vilas medias”, indica Villares. Que se compromete a “presionar para que a internet chegue a todos os puntos”. Así como a suplir a falta de prazas de garderías impulsando un servizo municipal para cativos de 0 a 3 anos.

A aposta de En Marea pasa por Concellos abertos, conectados coas necesidades reais da cidadanía e activamente implicados na mellora da calidade de vida da veciñanza. Un modelo que dista moito do que Trives ten na actualidade, cunha xestión “desastrosa” e “unha situación económica crítica, cunha débeda que case está ao mesmo nivel que o orzamento anual”. Así o denuncia o candidato á alcaldía de Son de Trives-En Marea, Jorge Vázquez. Que reivindica a necesidade dun cambio a nivel municipal “que consiga que Trives volva ser o centro de comarca que sempre fora”. O candidato critica o “abandono sistemático de todas as actividades económicas, culturais e turísticas dun goberno que non está coidando os distintos sectores”, e apela á necesidade dun cambio que traia aire novo, oportunidades e calidade de vida para a poboación local.