En Marea reivindica políticas europeas que protexan a pesca artesanal e garantan o seu futuro

A candidata Lidia Senra e o voceiro visitaron o mercado da Praza de Lugo, na Coruña, onde Villares reivindicou o modelo de cidade aberta ao mar da Marea Atlántica e denunciou que o PSOE non teña condonado a débeda do porto
Publicado por o día 15/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica políticas europeas que protexan a pesca artesanal e garantan o seu futuro

En Marea reivindica a necesidade de políticas europeas que defendan e promovan a pesca artesanal. Un sector fundamental, cuxas necesidades a candidata Lidia Senra se compromete a defender na Unión Europea despois das eleccións do 26 de maio. É a mensaxe que a representante de En Marea-Compromiso por Europa deixou este martes no mercado coruñés da Praza de Lugo. Ata onde se desprazou, acompañada polo voceiro Luís Villares e por outros membros da formación.

“A pesca artesanal e a pequena escala é fundamental, e a Unión Europea ten que ter políticas específicas para protexer este sector”, reivindica Lidia Senra. Que denuncia o feito de que en nome da pesca artesanal se estean a impulsar normativas pensadas para as grandes flotas, que realmente resultan moi negativas para o modelo artesanal. “Queremos reivindicar unha política pesqueira europea específica para protexer a pesca artesanal”, asevera a candidata ás eleccións europeas de En Marea-Compromiso por Europa. Que apela tamén á necesidade fundamental de promover e potenciar o consumo das capturas procedentes deste modelo de explotación a pequena escala no país. “As administracións deben asumir a responsabilidade de abastecer os comercios públicos coas capturas deste modelo de pesca, e mercar nos mercados locais”, indica Senra.

Pola súa banda, o voceiro de En Marea aproveitou a visita á Coruña para reivindicar o traballo feito nos últimos anos pola eurodeputada e actual candidata. “A loita por un Corredor Atlántico Ferroviario que fixera viable o porto exterior da Coruña como punto de referencia de mercadorías foi consecuencia do traballo realizado nestes últimos anos pola eurodeputada Lidia Senra. Foi o grupo de En Marea no Parlamento europeo quen reivindicou esa necesidade”, lembra Villares. Que destaca o feito de que, antes das reclamacións de En Marea para mudar a situación, o que existía no estado era un trazado que non pasaba por ningunha Comunidade atlántica. “Foi a labor de Lidia Senra quen mudou a situación”, destaca o voceiro de En Marea. Que reivindica que “o porto exterior de Punta Langosteira ten hoxe unha protección debido á labor desenvolvida nestes anos pola eurodeputada de En Marea. O que supón unha proxección en clave laboral, de asentamento industrial e dinamización empresarial que ata agora non tiñamos porque nin o Partido Popular nin o PSOE se ocuparan disto”.

Luís Villares tamén lembrou a tarefa pendente no que se refire á situación do porto da Coruña e a apertura da fachada marítima á cidade. “Aínda quedan por escoitar as explicacións do PSOE sobre a razón pola que non se condonou a débeda do porto da Coruña. Unha situación que está impedindo a construción do modelo de cidade aberto ao mar que reivindica a Marea Atlántica”, destaca o voceiro de En Marea. Que insta ao goberno central socialista a ter en conta as necesidades e a vontade da cidadanía da Coruña e a proceder á condonación da débeda da Autoridade Portuaria, igual que se fixo recentemente coa de Valencia.