En Marea reivindica políticas industriais e medidas que xeren emprego e benestar en Ferrolterra

A formación ponse como meta mellorar a conectividade do porto e poñer en valor a capacidade innovadora e produtiva do sector naval e da industria civil
Publicado por o día 30/03/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica políticas industriais e medidas que xeren emprego e benestar en Ferrolterra

Marea de Ferrol ven de sumarse á rede municipalista de En Marea. A formación asinou este sábado o acordo de colaboración que suporá o inicio dunha senda conxunta que pretende poñer no centro as necesidades da cidadanía ferrolá cunha visión comarca; contribuír á xeración de emprego e mellorar a calidade de vida e o medio ambiente. O voceiro Luís Villares e a vicevoceira e responsable de municipalismo Ana Seijas participaron este sábado na sinatura do protocolo coa formación que encabeza Bernardo Lorenzo.

“Pensamos que esta comarca ten presente e ten futuro. E estamos traballando para que a partir das próximas eleccións xerais teñamos a posibilidade de que o porto exterior de Ferrol estea plenamente operativo e conectado. Non competindo, senón cooperando cos demais portos de interese xeral de Galicia. Galicia podería ser non o Finisterre, senón a porta de entrada en Europa das mercadorías. E non o está sendo agora porque a infraestrutura existente non está conectada á vía ferroviaria nin están desenvolvidas as posibilidades que ofrece”. Son palabras do voceiro de En Marea, que puxo o énfase en unir forzas e esforzos para impulsar o emprego e o tecido industrial no conxunto da comarca de Ferrolterra con políticas impulsadas dende os ámbitos local, nacional e estatal.

En Marea aposta por políticas industriais sostidas no tempo que permitan viabilizar toda a comarca de Ferrolterra. “Estamos comprometidos con iso no ámbito local, no nacional e no estatal. Por esa razón hoxe unimos forzas con outra formación que se recoñece nos valores compartidos en clave democrática, de xustiza social e desenvolvemento socioeconómico”.  Así expresaba o voceiro de En Marea a vontade desa formación de traballar, en cooperación coa Marea de Ferrol, para que esta cidade “deixe de ser coñecida como o Detroit galego para pasar a ser o Silicon Valley galego”.

En Marea e Marea de Ferrol amosaron a súa vontade de sumar esforzos para poñer couto á emigración que ven padecendo a cidade e o conxunto da comarca de Ferrol. “Precisamos políticas activas que dende o municipal nos permitan xerar emprego, pero tamén facer políticas sociais para aumentar a cohesión e xerar benestar cun desenvolvemento urbano axeitado. Somos partidarios da desmercantilización de determinados servizos públicos como a auga”, indica Villares, que reivindicou a aposta conxunta por municipalizar servizos que neste momento están privatizados.

O medio ambiente será outro dos eixos a desenvolver e mellorar, sobre todo no relacionado coa ría. Así como o fomento da igualdade, a través de políticas feministas impulsadas dende os Concellos. “É necesario mellorar as respostas en clave de novas oportunidades e desmercantización de bens públicos, coordinando o municipal cun proxecto nacional que non casa con ninguén máis que cos intereses da cidadanía”, destacou Luís Villares.

O voceiro de En Marea aproveitou a sinatura do acordo de colaboración con Marea de Ferrol para lembrar problemáticas laborais como a de Poligal. “Estamos tendo moitos problemas derivados dunhas empresas empeñadas nunha deslocalización que permite a lexislación. Queremos protexer os nosos investimentos para que as empresas non se aproveiten deles e logo marchen. Pero sobre todo queremos protexer ás nosas traballadoras e traballadores. Reivindicar que en Poligal temos aos mellores profesionais, formados en Ferrolterra, e que non existe xustificación ningunha para que esta empresa teña que pechar. Temos talento e posibilidades. Igual que os tiñamos hai décadas en Navantia”.

O voceiro de En Marea botou a vista atrás para lembrar que “os mesmos que agora, de forma absolutamente electoralista, fan anuncios que podían ter feito antes foron os que permitiron que durante unha xeración completa estivesemos descapitalizando aos mellores profesionais do mundo na construción naval dende Ferrolterra. Por que deixamos desmantelar todo un sector que hoxe podería estar reempregando xente?”.

En relación con iso, Villares lembrou as eivas dos últimos orzamentos do estado en relación á comarca de Ferrolterra. “Non había desenvolvemiento das vías ferroviarias entre Ferrol e Coruña, non se contemplaba a conexión e o relanzamento que requería o porto exterior de Ferrol, e por iso En Marea plantouse. E con ese aval nos presentamos agora tanto ás eleccións xerais como ás municipais. O de sermos a única forza política coherente durante toda a lexislatura á hora de dicir que se non hai apoio económico para o desenvolvemento de Ferrolterra non habería apoio para un orzamento estatal”.

Entre as apostas de En Marea para favorecer o tecido industrial e os postos de traballo en Ferrolterra figura tamén a entrada de Galicia no consello de administración de Navantia. “Trátase de competencias estatais das que podería participar a Comunidade Autónoma, e non o está facendo. Pensamos que estar aí sería positivo para buscar novos mercados e melllorar a carga de traballo actual”, indica Villares, crítico co desinterese do que a Xunta ten feito gala a este respecto, e do que o PSOE semilla ter recollido o testemuño.

O voceiro de En Marea tamén lembra a necesidade de traballar para favorecer o desenvolvemento da industria civil en Fene, “non soamente nas bases das grandes plataformas offshore, seno tamén no desenvolvemento dos motores. O I+D+I desenvolvido na ría de Ferrol é apto para desenvolver as plataformas marinas. Por que non se fai? Ese é o discurso de En Marea, que xustifica unha estratexia de cooperación no local que atenda ao conxunto da comarca”.

Case 7.000 avais para a candidatura ás xerais en menos de 72 horas

Durante o acto de sinatura de En Marea con Marea de Ferrol Luís Villares tamén fixo referencia as importantes expectativas da súa formación nas próximas eleccións xerais. O voceiro aproveitou para agradecer o respaldo das case 7.000 persoas que deron o seu aval para que a formación poida concorrer aos comicios do próximo 28 de abril.  Unha cifra que supón triplicar o número de respaldos que a formación precisaba para presentarse nas catro provincias galegas. E que En Marea acolle “como unha grande mobilización cidadá que imprime un grande optimismo a poucos días de inciarse a campaña”.

A pesar de que non todas as Xuntas Electorais esixiron os avais, En Marea puxo en marcha hai catro días a recollida dos mesmos para evitar que calquera posible interpretación puxera en perigo a presentación das candidaturas para as Xerais. Segundo a lexislación, os partidos teñen que recoller o aval do 0,1% do censo. Unha porcentaxe que suponía unhas 2.640 sinaturas sumando as catro provincias galegas. Sen embargo, en apenas 72 horas En Marea practicamente logrou triplicar esa cifra.