En Marea reivindica políticas municipais de loita contra a pobreza e en defensa da infancia e dos maiores

A formación incorpora as propostas de Unicef Galicia, da Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia e de EAPN-Galicia para crear Concellos máis xustos e comprometidos co benestar da súa veciñanza
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica políticas municipais de loita contra a pobreza e en defensa da infancia e dos maiores

En Marea reivindica a necesidade de impulsar administracións locais máis xustas, comprometidas cos problemas da cidadanía e capaces de contribuír ao benestar da veciñanza. A formación ve necesario que os Concellos se involucren e asuman un papel activo na loita contra a pobreza e a exclusión social e na defensa da infancia. Motivo polo cal recolle as achegas que Unicef Galicia, a Plataforma de Organizacións de Infancia Galicia e EAPN-Galicia teñen formulado e anima a todas as Mareas municipais a apostar pola súa defensa.

O grupo de Política Social de En Marea ten elaborado un documento, a xeito de Banco de Ideas, para poñer ao servizo das Mareas municipalistas. Un documento presidido pola conciencia de que o marco que debe rexer a acción municipal en relación coas políticas sociais son os Dereitos Humanos.

En Marea entende que, nun contexto de cronificación da pobreza e de aumento da desigualdade, os Concellos deben contar cun investimento social suficiente. A formación non pasa por alto que as competencias exclusivas en materia de Asistencia Social son da Xunta, polo que en primeiro termo é preciso “esixir que as exerza con calidade e dende o sector público. Pero, cun Goberno autonómico que se prega ás esixencias dos poderes financeiros, recortando investimento público e favorecendo as oportunidades de negocio do capital privado en servizos esenciais, debemos asumir dende os Concellos un liderádego na atención ás necesidades sociais básicas da cidadanía”.

A formación reivindica a necesidade de incorporar á acción política municipal a relación de propostas achegadas por UNICEF, “coa que concordamos na necesidade de poñer a infancia no centro das políticas dos concellos, e que teña esta espazo de participación, entendendo como obxectivo prioritario a erradicación da pobreza infantil”. De EAPN-Rede Galega contra a pobreza, “que remarcou a necesidade que dende os concellos se garanta, canto antes, a accesibilidade universal así como un fortalecemento dos servizos sociais públicos e maior coordinación interadministrativa e cooperación en políticas de vivenda”. E da Plataforma de Prganizacións de infancia en Galicia, “coa que concordamos na necesidade de afondar nos programas de Educación Social, a concienciación contra o maltrato infantil ou o aumento de servizos de conciliación, especialmente para as familias monomarentais”.

En Marea destaca o alto grao de avellentamento que afecta á poboación galega. Unha situación que fai necesario, para a planificación dos servizos sociais, “de moita imaxinación, sentido común e, por suposto, unha intencionada inversión pública de recursos humanos e materiais”.

A formación aposta por Concellos que velen pola cobertura das necesidades básicas da súa veciñanza e que aposten pola intervención social comunitaria. Do mesmo xeito, En Marea destaca a necesidade de que os municipios garantan a accesibilidades universal e contribúan a facilitar o acceso da súa veciñanza a unha vivenda digna. Así como que se involucren na loita contra o machismo e na promoción activa da saúde, da man do SERGAS.

“Sabendo do marco lexislativo restrictivo para que os Concellos poidan facer políticas para as maiorías sociais, cómpre defender as competencias municipais, a defensa de cambios legais e un horizonte futuro de administración local galego axeitado á nosa realidade e necesidades”.

En Marea ve necesario entender as políticas sociais “dende unha defensa de modelos comunitarios de intervención social. E consideradas como algo transversal, tendo en conta o eido social en todas as políticas municipais”.

Recollendo as experiencias de goberno dos espazos municipalistas que dende 2015 gobernaron pensando nas persoas, mudando as prioridades das políticas públicas municipais, recollendo ideas de grupos locais de todo o País, E Marea achega ao Banco de Ideas para as Eleccións Municipais 2019 unha serie de propostas en Políticas Sociais.