En Marea reivindica políticas que promovan o emprego do galego en todos os ámbitos os 365 días do ano

Lidia Senra insta ao goberno español a defender a oficialidade da língua galega no Parlamento europeo
Publicado por o día 17/05/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea reivindica políticas que promovan o emprego do galego en todos os ámbitos os 365 días do ano

En Marea denuncia os pasos atrás que as políticas lingüísticas da Xunta de Galicia teñen experimentado nos últimos anos e insta ao goberno galego a implicarse de xeito activo e efectivo na defensa do galego. No día das Letras Galegas o voceiro e a vicevoceira da formación denunciaron a anomalía democrática que supón o feito de que nas aulas de Galicia non poida ensinarse matemáticas ou física e química na lingua propia. Tamén a candidata de En Marea-Compromiso por Europa reivindicou a necesidade dunha maior implicación das administracións na defensa do galego. E instou ao goberno central a demandar a oficialidade da lingua galega no Parlamento europeo.

“Cando hai unha dictadura, toque de queda, a xente ten que quedar na casa sen poder saír. Iso é o que está acontecendo coa lingua galega na ciencia desde que goberna Núñez Feijóo. Temos unha prohibición legal de poder explicar en galego as matemáticas, a física… Unha situación predemocrática, un estado de excepción co que queremos rematar xa”, denunciou dende a manifestación de Queremos Galego en Lugo o voceiro de En Marea. Luís Villares criticou as políticas restritivas e totalmente contrarias á promoción e defensa do galego impulsadas polo goberno do Partido Popular. E destacou que, se “en Galicia non hai extrema dereita é debido a que os designios de Vox están cumpridos polo PP de Núñez Feijóo. Por iso hoxe temos que reclamar liberdade, igualdade e xustiza para o galego en relación co castelán. Para poder vivir con liberdade no ensino, pero tamén na ciencia”, indica Villares. Que destaca a importancia estratéxica do eido científico. “O futuro está na ciencia, na tecnoloxía, e Feijóo ten prohibido o uso do galego nese ámbito. É momento de levantar esas prohibición para que explicar matemáticas en galego nos centros de ensino deixe de ser ilegal”, reivindica.

Dende a manifestación de Queremos Galego en Santiago tamén a candidata de En Marea-Compromiso por Europa reivindicaba unha aposta clara e decidida das administracións en defensa da lingua. Lidia Senra esixiu que o goberno galego deixe de poñer paus nas rodas e dunha vez por todas poña en marcha políticas activas que garantan os dereitos lingüísticos das galegas e galegos. “Queremos vivir con normalidade en galego todos os días do ano, e é a súa obriga protexer a nosa lingua”, indica a candidata da formación para as eleccións europeas do vindeiro día 26.

Máis aló do eido autonómico, Lidia Senra apelou tamén á necesidade de que o goberno central actúe para defender o carácter plurilingüístico do estado e para garantir os dereitos das linguas diferentes do castelán en Bruselas. “Queremos reivindicar que o goberno do estado dea un paso adiante e comunique ás instituicións europeas que quere que o galego sexa tamén lingua oficial no Parlamento europeo”, demanda a candidata.

Tamén dende a manifestación de Compostela, e acompañada doutros membros da formación, como o tamén candidato ás europeas Xoán Hermida, a vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, reivindicou a defensa da “lingua, a cultura e o patrimonio material e inmaterial. Pensamos que a nosa língua está esmorecendo porque as políticas lingüísticas non son as axeitadas. Dende que entrou o goberno de Feijóo hai unha marcha atrás en política lingüística”, denuncia a Seijas. Que reivindica unha aposta decidida “pola nosa lingua. Son necesarias políticas que impliquen a defensa do galego en todos os ámbitos da vida, especialmente na comunicación e no ensino das ciencias”, indica a vicevoceira de En Marea. Que anima a “celebrar o Día das Letras e a defender a posibilidade de vivir en galego os 365 días e noites do ano”.