En Marea reivindica servizos de atención para maiores de calidade en todos os concellos

Aposta por servizos de proximidade e centros de día que garantan unha atención axeitada e faciliten a conciliación e a convivencia no núcleo familiar
Por o 14/05/2019 | Sección: En Marea,Política
En Marea reivindica servizos de atención para maiores de calidade en todos os concellos

En Marea reivindica servizos para maiores de calidade en todos os municipios galegos. A formación considera fundamental garantir unha atención de proximidade en todos os Concellos mediante a creación de centros de día que garantan uns cuidados de calidade e que faciliten a conciliación e a convivencia no núcleo familiar. Así o reivindicou o voceiro dende Corcubión. Ata onde Luís Villares se desprazou para reunirse coa candidatura de Sempre Corcubión que encabeza Alfredo González.

En Marea reivindica o dereito de todas as persoas maiores a recibir unha atención de calidade. Logo de toda unha vida de traballo resulta imprescindible, tal e como destaca Villares, que todo o mundo poida contar con coidados axeitados ás súas necesidades. Unha posibilidade que non pode verse supeditada á situación económica do usuario e da súa familia, nin tampouco ao seu lugar de residencia ou a decisións arbitrarias. “Vemos que en lugares como Corcubión, debido a unha decisión totalmente sectaria, a Xunta de Galicia do Partido Popular impide que se abra un centro de día que sería útil para os nosos maiores e as súas familias. E iso non é xusto. Precisamos forzas que gobernen para todos. E iso é o que queremos que aconteza a partir do próximo 26 de maio”, reivindica o voceiro.

A aposta de En Marea pasa por servizos de proximidade que faciliten a permanencia dos maiores no seu entorno familiar e no seu fogar, tal e como explica Luís Villares. Que, no caso de Corcubión, revindica a apertura inmediata dunha infraestrutura que permitiría ofrecer un servizo necesario non só para esa localidade, senón para outros concellos da contorna. “Existe unha demanda real dun servizo que non se está atendendo, porque o PP prefire que o centro non se abra a facelo nun Concello onde non goberna”, critica Villares.

En Marea destaca a urxencia de reforzar unha rede de centros públicos “fundamental en Galicia, debido á elevada porcentaxe de persoas de idade avanzada”. Unha tarefa que o goberno da Xunta de Galicia debera ter asumido hai tempo. A formación destaca a importancia duns servizos básicos para que moitas familias poidan conciliar as súas obrigas laborais co coidado dos seus maiores.  “Non pode ser que ningunha persoa que queira ter acceso a un recurso como este non teña a posibilidade”, destaca Villares, que reivindica un servizo que tamén resulta fundamental á hora de impulsar un reparto máis equitativo dos coidados, que na maior parte dos casos asumen as mulleres, e para garantir o acceso destas ao mercado laboral.

Tamén o candidato á alcaldía de Sempre Corcubión denuncia que un edificio céntrico, situado en pleno casco histórico e que foi rehabilitado coa intención de converterse no centro de día que a poboación local precisa permaneza pechado e sen uso. Alfredo González denuncia que a situación se mantén así cando xa hai varios anos que rematou a obra, e a pesar de que o inmoble conta xa cando menos con parte do equipamento interior preciso para comezar a funcionar. E comprométese a impulsar as accións e xestións oportunas para conseguir que a posta en funcionamento sexa unha realidade o antes posible.

Comentar noticia

Your email address will not be published.