En Marea rexeita as explicacións da Valedora e insta ao PP a votar en contra da sua continuidade no Parlamento de Galicia

Luís Villares reclamou unha decisión unánime da Cámara para que cese á Valedora e “non se transmita á cidadanía a imaxe de que todo vale”.
Publicado por o día 05/07/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

En Marea rexeita as explicacións da Valedora e insta ao PP a votar en contra da sua continuidade no Parlamento de Galicia

A implicación da Valedora do Pobo na adxudicación da praza á irmá do voceiro do PP no Parlamento xa quedou perfectamente explicada na sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que o único que cabe agora é o cese de Milagros Otero. Esa é a postura de En Marea, que ante a resistencia da responsable desta institución a abandonar o seu cargo insta ao Partido Popular a poñerse do lado da xustiza e votar en contra da súa continuidade na Cámara. Luís Villares considerou durante a súa intervención que a actitude de non asumir a súa responsabilidade “só prexudica á institución”.

A tentativa de que a sentenza do TSXG e a actuación da Valedora fose tratada en primeiro lugar, foi bloqueada polo PP a pesar das protestas das formacións da oposición. Para Luís Villares, o PP “ten que dar moitas explicacións porque ademais da actuación da Valedora, a persoa favorecida ten unha relación directa co portavoz do PP que ten que votar o cese da Valedora”.

Luís Villares defendeu o cese de Milagros Otero por parte do Parlamento de Galicia para non trasladar á cidadanía unha “imaxe de que o Parlamento fai vista gorda diante das irregularidades”. O voceiro de En Marea insistiu que as explicacións dadas na comisión por parte da Valedora non cambia en nada “o coñecido neste asunto e faise necesario que o Parlamento actúe e cese á Valedora”.

Durante as súas dúas intervencións, Luís Villares sinalou que os motivos alegados pola Valedora non se puxeron en entredito coa súas explicacións e que “a sentenza segue sendo clara ao respecto da “intervención para favorecer a unha amiga cunha praza”. O voceiro de En Marea explicou que Milagros Otero se escudaba no traballo que facía en defensa dos colectivos, pero “Por deferencia a todos eses colectivos aos que di defender, debería presentar a súa dimisión”.

Luís Villares considerou inaceptable que “esta mesma institución que debe defender os dereitos das galegas é a que está agora condenada por vulneración de dereitos fundamentais, o que quere dicir que a Valedora de Pobo conseguiu que se condenara unha instituación e esta condena só se pode solventar coa dimisión de Milagros Otero”. Neste sentido, o voceiro de En Marea apuntou que Milagros Otero tiña o dubidoso mérito de ter conseguido que condenaran á institución, “o que a todas luces é peor para as galegas que se tivesen condenado á valedora”.

O voceiro sinalou repetidas veces durante a súa intervención que “a setenza non deixa dúbida sobre a arbitrariedade coa que se procedeu na selección da praza que veu a dar en ser a irmá do voceiro do PP e filla do mentor da propia Milagros Otero”. Villares descubriu aínda outro punto de relación máis entre a valedora e os apelidos que orbitan sobre este asunto: a valedora amparouse nun informe escrito encargado discreccionalmente a un catedrático en Dereito do Traballo, a pesar de ser máis idóneo un perfil máis próximo ao Dereito Adminitrativo. Villares desvelou que o nome de persoa que tiña que avalar a contratación de María Puy Fraga é Jesús Martínez Girón, a mesma persoa designada polo PP para formar parte da Xunta electoral, unha designación firmada por Pedro Puy Fraga, irmán da persoa a que finalmente se lle adxudicou a praza.

Xunto cos outros grupos da oposición, En Marea solicitou un cambio na orde do día para abordar en primeiro lugar a senteza sobre a valedora, pero o PP bloqueou esta posibilidade. En Marea escoitou a intervención de Milagros Otero, pero tamén se negou a entrar en debate sobre o informe que presentaba. O voceiro da formación quixo evidenciar o “respecto e apoio ás reivindicacións e dereitos” das persoas con discapacidades. Un colectivo cuxas necesidades “deberan xa estar incorporadas ao acervo das institucións. Pero negámonos a intervir hoxe nun debate que se fai única e exclusivamente para tapar de forma espuria o que tiña que ser unha comparecencia para debater das responsabilidades políticas derivadas do coñecemento dunha sentenza que condena á Valedora por abuso de poder e arbitrariedade”. Así explicou Luís Villares a postura da formación. Ao tempo que destacou o feito de que as acusacións contra a Valedora non son tal: trátase dunha declaración xudicial. “Esperamos que a próxima Valedora ou Valedor se designe pronto e quede atrás este aciago momento na historia da autonomía, no que de forma indebida se usa un cargo público desta responsabilidade con interese particular”.