En Marea rexeita os Orzamentos do Estado que continúan a senda da austeridade e consolidan o modelo de redución do gasto público

O voceiro Luís Villares e o deputado Manuel Lago lamentaron a actitude triunfalista do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que aseguraron “conformase con nada” celebrando uns orzamentos que son “un auténtico bochorno para Galicia”
Publicado por o día 05/04/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea rexeita os Orzamentos do Estado que continúan a senda da austeridade e consolidan o modelo de redución do gasto público

O grupo parlamentario de En Marea valorou esta mañá o Orzamento do Estado que lamentaron “continúen a senda da austeridade e consolidan o modelo de redución do gasto público”. O voceiro Luís Villares e o deputado Manuel Lago desmontaron o triunfalismo amosado onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ante o que para En Marea non son máis que “un auténtico bochorno para Galicia”.

O deputado Manuel Lago salientou que o 2,7 por cento en termos nominais de suposto incremento nos orzamentos presentado polo Ministro Montoro non é tal xa que tendo en conta que o Produto Interior Bruto nominal vai incrementar un 4,2 por cento, isto significa que os recursos públicos dos que imos dispor serán 1,5 puntos menos do que tiñamos en 2017. Se trasladamos esta porcentaxe a números concretos implica que contaremos con 20.000 millóns de euros menos para financiar o gasto e investimento público e protección social.

“Non é a recesión senón que estamos ante o proxecto ideolóxico da dereita conservadora do PP e a complicidade de Ciudadanos” denunciou Manuel Lago. Un modelo que ten xa presentado o Partido Popular ante a Unión Europea tal e como explicou o deputado de En Marea, e no que se compromete a que en 2020 o gasto público non supere o 38 por cento o que se traduce en consolidar un estado de benestar devaluado.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentou o discurso mantido por Núñez Feijóo valorando os Orzamentos estatais xa que na súa opinión “unha baixada de investimentos, un empobrecemento nas pensións e do poder adquisitivo do funcionariado, ou a redución do nivel de investimento a niveis de hai 11 anos” non son motivos de celebración para En Marea.

Unha das primeiras falsidades celebradas onte por Feijóo foi como sinalou Villares o aumento do investimento nun 20 por cento. Son as propias cifras as que desmenten esa afirmación xa que o aumento do 1,3 por cento hai que valoralo en relación ao IPC que medrará un 1,8 por cento o que da un incremento real negativo do 0,5 por cento. Para o voceiro de En Marea tampouco é para celebrar o baixo grao de execución dos orzamentos. Así, desde que goberna o PP no Estado lévanse comprometidos para Galicia e non gastados 2.590 millóns de euros.

Villares lamentou asi mesmo a falla de proxectos novos para o noso país e que sigan a presentar proxectos que veñen de 20 anos atrás. “En termos reais o investimento en Galicia é inferior ao de 1997, hai 20 anos. Os prezos subiron un 53 por cento estes anos polo que para que foran iguais teríamos que chegar aos 1.237 millóns de euros, 302 millóns de euros para igualar” explicou o voceiro de En Marea.

En materia social, tampouco cabe marxe para a celebración para En Marea xa que o 53 por cento do total das pensións galegas terá un incremento negativo xa que subirán menos que o IPC, e os incrementos conseguidos non se conseguiron, como salientou Villares polo Goberno senón grazas á mobilización social. O funcionariado tampouco ten nada que celebrar xa que o incremento previsto será igualmente por debaixo do IPC o que suporá para 150.000 traballadores e traballadoras públicas do noso país unha perda de poder adquisitivo.

“Non existe ningún motivo de celebración, temos un presidente da Xunta que se conforma con nada” declarou Luís Villares. Por estes motivos, o grupo de En Marea amosou o seu rexeitamento ás manifestacións de triunfalismo do presidente da Xunta e asegurou non poder apoiar estes orzamentos.