En Marea solicita á Autoridade Portuaria de Vigo toda a documentación relacionada co Marisquiño

A formación reclama a información relativa ao estado e mantemento da zona na que se produciu o afundimento
Por o 22/08/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Vigo
En Marea solicita á Autoridade Portuaria de Vigo toda a documentación relacionada co Marisquiño
Compartir en:

 En Marea solicita á Autoridade Portuaria de Vigo toda a información relativa ao estado e ás tarefas de mantemento realizadas nos últimos anos na zona na que se produciu o afundimento do Marisquiño. A formación ve necesario establecer a causalidade dun accidente que deixou preto de 500 persoas feridas; e en relación ao cal é preciso actuar con luz e taquígrafos para delimitar con claridade as responsabilidades detrás do acontecido.

En Marea entende que non é de recibo que as partes implicadas continúen botando balóns fora e eludindo dar explicacións claras e concisas que permitan esclarecer este suceso. Así as cousas, o voceiro da formación ten remitido á Autoridade Portuaria da Cidade Olívia un escrito no que solicita acceso ao expediente completo relacionado co festival.

Luís Villares considera imprescindible revisar os termos da autorización concedida á organización do Marisquiño; así como todos os informes e requisitos técnicos relacionados con aspectos como o aforamento, a seguridade e a protección esixidos para a concesión dese permiso.

Do mesmo xeito, En Marea pide que a Autoridade Portuaria aporte toda a información relacionada coas inspeccións e as tarefas de mantemento realizadas nos últimos anos na zona do paseo e do peirao afundida; así como o montante económico destinado a eses traballos de conservación.

A formación tamén solicita acceso ao documento íntegro (incluíndo planos) do Convenio “Abrir Vigo ao Mar” de 1992, así como a información referida á execución do mesmo desde a súa sinatura, con mencións específicas dos gastos de  reparación, mantemento, inspección e control por parte dos organismos competentes desde o ano 1992 ata o ano 2018.

Entre os documentos reclamados por En Marea figura tamén o Plan de Autoprotección do Porto de Vigo vixente, así como os escritos, oficios de remisión e informes técnicos remitidos pola Autoridade Portuaria a outras administracións e entidades públicas en relación co réxime de titularidade, obrigas de mantemento e situación xeral do peirao e da zona do afundimento.

A opacidade da Autoridade Portuaria de Vigo conta con precedentes, pois o ente que preside Enrique López Veiga xa foi amonestado no pasado, por resolución do Consello de Transparencia de Bo Goberno, pola súa falta de transparencia ao negarse a suministrar información. Un proceder que non pode nin debe repetirse nun caso de gravidade coma o do Marisquiño, que produciu cuantiosos danos persoais e está a ocasionar numerosas denuncias dos afectados.