En Marea solicita a comparecencia do Presidente de Navantia no Congreso

A deputada Yolanda Díaz solicita explicacións sobre o balance económico de 2017.
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita a comparecencia do Presidente de Navantia no Congreso

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, rexistrou esta mañá dúas solicitudes de comparecencia, a do Presidente de Navantia, José Esteban García Vilasánchez e a da Presidenta da SEPI, Pilar Platero, para que dean conta na Comisión de Facenda e Función Pública da situación financeira dos estaleiros públicos.

Díaz denuncia que, de novo, Navantia volve pechar outro exercicio en negativo, e os primeiros datos que se coñecen falan de perdas que ascenden a 300 millóns de euros, polo que esixe que dunha vez por todas se poña en marcha o Plan Estratéxico e o Plan Financeiro da Empresa Pública.

Os datos indican, segundo destaca a deputada de En Marea, que a xestión de Navantia segue a ser nefasta, xa que nunca nos atopamos cun balance contable semellante, cun incremento de perdas que nin sequera existían cando había cero de carga de traballo no sector naval”.

De feito, “nos últimos anos as políticas levadas a cabo polo PP están provocando o afogamento do sector público industrial, acrecentado pola falla de partidas necesarias nas sucesivas Leis Xerais de Presupostos desde o ano 2012”.

Finalmente, Yolanda Díaz denuncia que a forma de actuar do Goberno con respecto a Navantia fai pensar que imos a acudir a privatizacións indirectas dos estaleiros públicos, “e como exemplo están as instalacións de Navantia Fene, postas a disposición de Iberdrola para a fabricación de pezas para a industria eólica, nun contrato que segue a ser secreto, e que se negan a facilitar a pesar de que están obrigados pola lei de transparencia. A cidadanía ten dereito a coñecer as condicións destes acordos, e cando se negan a facilitalos de forma reiterada, é que algo agochan.