En Marea solicita a conversión das gardas xudiciais de Vigo e da Coruña en gardas de 24 horas con quenda rotatoria

Luís Villares rexistra unha PNL no Parlamento Galego coa petición dos profesionais da xustiza.
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita a conversión das gardas xudiciais de Vigo e da Coruña en gardas de 24 horas con quenda rotatoria

A delegada sindical de CIG Xustiza, Eva Rodríguez, o voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado do BNG, Luís Bará, amosaron esta mañá o seu apoio as peticións dos profesionais da xustiza dos partidos xudiciais de Vigo e da Coruña que solicitan unha modificación das gardas, equiparándolas coas do resto do Estado, para que sexan de 24 horas en quendas rotatorias.

As gardas semanais nos xulgados colapsan o seu funcionamento para trámites tan sinxelos como a consulta de expedientes por parte dos profesionais, dando lugar a demoras que implican case dúas semanas. Mentres o xulgado está de garda só atenden as gardas e na semana seguinte seguen ocupándose daquelas cuestións que non admiten demora, polo que o retraso e inevitable.

En Marea solicita na súa Proposición Non de Lei que se realice o cambio das gardas de 24 horas con quenda rotatoria diaria nos xulgados de Instrución dos partidos xudiciais de Vigo e da Coruña xa que, como deixou claro Eva Rodríguez, “estas dúas cidades son os únicos que non teñen un formato diario de cambio de gardas, un sistema que funciona no resto de cidades, e hai xulgados no que este sistema xa foi aprobado. Con esta medida perséguese a equiparación dos dous partidos xudiciais galegos con 8 xulgados de instrución, cos do resto do Estado”.

A medida diaria suporía unha axilización na tramitacións dos procedementos e unha mellor organización dos mesmos, así como unha mellor tutela xudicial efectiva das persoas detidas e da axilización dos xuízos rápidos. Ademais, con respecto aos profesionais da medicina forense que desenvolven o seu traballo no IMELGA destas vilas suporía, por fin, a adaptación do seu horario de traballo á normativa europea sobre descansos.

Esta solicitude enviouse ao órgano de goberno de xuízas e xuíces: o Consello Xeral do Poder Xudicial que é quen resolverá favorablemente ou non sobre esta solicitude. Os xuízos rápidos axilizaríanse naqueles asuntos como os de violencia de xénero, ou naqueles asuntos nos que se producen delitos contra as persoas de paso, así como a redución de tempo nos calabozos das persoas detidas.

Esta medida foi desbotada no seu día polo PP, co argumento de que non coñecía a proposta nin os seus apoios, polo que o voceiro de En Marea comprometeuse a trasladarllo: “presentaremos un escrito á Xunta de Galicia con copia destas decisións para emprazar a Alfonso Rueda e á Consellería de Presidencia a que emita o informe que permita levar a efecto esta petición, para despois volver a debatila neste Parlamento e non poidan escusarse no descoñecemento”.

Agora esta solicitude de cambio de garda diaria, e non semanal como se ven facendo, enviouse ao Consello Xeral do poder Xudicial que é o competente para resolver sobre a mesma. Esta cuestión xa se solicitara e denegada no ano 2011 polo Consello Xeral do poder Xudicial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.