En Marea solicita a derrogación da LOMCE e que se garanta a escolarización gratuita de 0 a 3 anos

Publicado por o día 10/03/2016 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita a derrogación da LOMCE e que se garanta a escolarización gratuita de 0 a 3 anos

O voceiro de En Marea na Comisión de Educación no Congreso, David Bruzos, mantivo esta mañá unha xuntanza coa Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (UGT-Ensino, CCOO-Ensino, Iniciativa Estudantil Galega IESGA, CONFAPA Galicia), con Nova Escola Galega e co Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galicia STEG para transmitirlles as iniciativas que na próxima semana serán rexistradas na Cámara baixa e atender as súas peticións en materia educativa.

En Marea, que se adheriu xunto ao resto de forzas políticas de Galicia -agás o PP- ao manifesto da plataforma educativa pola derrogación da Lei Orgánica de Mellora da Comunidade Educativa, reafirmou o seu compromiso para levar a Madrid as reivindicacións dos representantes do sector e adiantou que na vindeira semana presenterán no rexistro a proposición non de lei na que se solicita que se derrogue a LOMCE e se abra un diálogo coa comunidade educativa para elaborar unha nova lei educativa.

Ademais, engadiu David Bruzos, “dende En Marea tamén reclamaremos un aumento do investimento na educación pública para que en 2020 teñamos acadado, polo menos, a media europea do 5,6% do PIB e que se derrogue o decreto de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo pois consideramos que discrimina o ensino público e na etapa universitaria está excluíndo a miles de alumnos que non poden asumir o pagamento das taxas”.

Outra esixencia que En Marea levará ao Congreso será que se garanta por lei a escolarización pública a todos os niveis impedindo, por exemplo, o indiscriminado peche de unidades nas zonas rurais de Galicia por non acadar as cifras mínimas de alumnado. “Esta é unha prioridade para En Marea pois consideramos que contribúe a empeorar a grave situación demográfica do rural galego”, sinala David Bruzos.

En Marea tamén reclamará garantía de prazas públicas, gratuidade universal e o recoñecemento como etapa educativa para 0-3 anos.

PRENSA EN MAREA