En Marea solicita a intervención do Instituto Galego de Consumo para determinar se existiu engano por parte da distribuidora de Opel, Motorkar, e no seu caso impor as sancións oportunas

O voceiro Luís Villares e o deputado Francisco Casal mantiveron unha xuntanza esta maña cos afectados para coñecer de primeira man acontecido que aseguran pode constituír unha verdadeira estafa comercial.
Por o 16/07/2018 | Sección: En Marea,Galicia,Política
En Marea solicita a intervención do Instituto Galego de Consumo para determinar se existiu engano por parte da distribuidora de Opel, Motorkar, e no seu caso impor as sancións oportunas

O grupo parlamentario de En Marea comprometeuse coa afectados da estafa de Motorkar, distribuidor de vehículos Opel, na comarca de Ferrolterra en pedir a marca a súa mediación no conflito ao tempo de pedir a intervención da Administración pública para investigar esta posible estafa da que se viron afectadas, polo momento, 44 familias. O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal, mantiveron unha xuntanza esta mañá cos afectados para coñecer de primeira man a situación. Na mesma o voceiro de En Marea trasladou o compromiso do seu grupo de se poñer en contacto coa marca Opel para solicitar a súa mediación no conflito. Así mesmo, o grupo rexistrou ao termo da xuntanza diversas iniciativas en primeiro lugar para preguntar ao Instituto Galego de Consumo (IGCC), se son coñecedores do engano ao que foron sometidas estas familias e que pensan facer para controlar a estrutura financeira e garantir a legalidade ao tempo que asegura que non houbo engano.

En Marea rexistrou ademais unha proposición non de lei na que se insta ao Instituto Galego de Consumo a inspeccionar todas as relacións contractuais e financeiras de Motorkard para comprobar que non existisen cláusulas abusivas ou algún tipo de estafa e no caso de ser así que se impoñan as sancións que sexan oportunas.

“A ausencia de control sobre o fluxo monetario entregado polos clientes, e sobre o feito de que o diñeiro entregado non fose destinado ao fin para o que era entregado, sen que saibamos a día de hoxe aínda para que fin foi destinado, coloca á parte feble dos contratos de compravenda, con ou sen financiamento da adquisición, nunha situación de absoluta indefensión” como sinalou o voceiro de En Marea.

A situación creada pola falta de entrega do diñeiro pagado para a adquisición do vehículo constitúe para o grupo de En Marea un ilícito civil en todo caso –e tal vez unha estafa penal- , pois se entregaron unhas cantidades facendo crer que se aplicaban para mercar un vehículo, algo diferente do que finalmente sucedeu. “Estamos ante un engano por parte de Motorkar aos/ás clientes, nunha verdadeira estafa comercial” remarcou o deputado Francisco Casal.

Para En Marea o IGCC, dependente da Xunta de Galicia, debe exercer plenamente as súas competencias en materia control da legalidade nas relacións contractuais en que unha das partes é consumidora, e no seu caso as funcións de inspección e sanción.

O grupo parlamentario comprometeuse así mesmo a presentar tamén nos Concellos afectados iniciativas orientadas na mesma liña para que as Oficinas Municipais de Atención ao Consumidor asuman tamén as súas competencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.