En Marea solicita debater no próximo Pleno do Parlamento a renuncia inmediata da Valedora do Pobo

Luís Villares defende a necesidade desta iniciativa, toda vez que Milagros Otero non formalizou a súa renuncia inmediata
Publicado por o día 05/04/2019 na sección de En Marea,Política

En Marea solicita debater no próximo Pleno do Parlamento a renuncia inmediata da Valedora do Pobo

En Marea rexistrou unha petición no Parlamento para debater no próximo Pleno dos días 9 e 10 de abril a renuncia inmediata da Valedora do Pobo, Milagros Otero, por perda de confianza política. Luís Villares defende a necesidade desta iniciativa tras coñecerse a firmeza da sentenza que declara que actuou con abuso de poder e con desprezo aos principios de igualdade, mérito e capacidade para colocar a unha amiga e irmá do voceiro parlamentario do Partido Popular.

En Marea decidiu presentar esta solicitude toda vez que a Valedora non formalizou por iniciativa propia a súa renuncia inmediata. “Ante a súa negativa de trasladarlle a Núñez Feijóo e ao PP a súa renuncia, consideramos que debemos tratalo no Pleno para que todos os grupos se posicionen”, afirmou Villares, engadindo que “queremos que o PP se retrate e diga se está de lado daqueles que practican o nepotismo e o enchufismo na Administración pública, ou pola contra está disposto a defender os intereses dunha sociedade democrática”.

En opinión de Villares, Milagros Otero non pode permanecer nin un minuto máis á fronte dunha institución que debe defender os dereitos da cidadanía fronte aos abusos das administracións cando ela foi condenada por abusar da súa posición de poder. “É inaceptable que con esta sentenza siga ratificada e sostida por Núñez Feijóo. Por iso lle esiximos ao presidente da Xunta a renuncia inmediata da Valedora.”